Nun ciclo de cine que se celebra este luns e martes no centro
Relacións Internacionais pon o foco na violencia contra nenas e mulleres
A actividade conta con proxeccións, conferencias e obradoiros
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense celebra este luns e martes o I Ciclo de cine. A igualdade no foco. A violencia contra nenas e mulleres. A cita, organizada co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, conta con conferencias e obradoiros arredor desta problemática e nas que se fala de diferentes producións audiovisuais. O seu obxectivo é contribuír a “visibilizar e promover a reflexión critica e o debate sobre as formas nas que os dereitos das mulleres son conculcados, poñendo o foco nas violencias sexuais contra nenas e mulleres”.
“A violencia contra as nenas e mulleres representa un grave problema que se está agravando coa introdución das novas tecnoloxías”, sinalan desde a organización da actividade. Neste contexto, engaden, o cine constitúe unha ferramenta útil para abordar esta problemática e traballar na súa prevención e concienciación. A actividade foi inaugurada por Laura Carballo, decana da Facultade de Relacións Internacionais; Yolanda Rodríguez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, e María Lameiras, enlace de Igualdade da Facultade de Relacións Internacionais e organizadora das xornadas. Nas súas intervencións destacaron a importancia de pór o foco na grave e delicada problemática da violencia, moi especialmente a violencia sexual, contra nenas e mulleres, de visibilizala e analizala e de concienciar e formar ao alumnado universitario neste eido para contrubuír á súa prevención e erradicación.
A sesión arrancou cunha conferencia titulada O eloxio do baleiro, do cineasta Simone Saibene e na que se falou de películas como Anora (do director Sean Baker, do ano 2024). Xa pola tarde terá lugar o obradoiro Violencia sexual facilitada pola tecnoloxía: acoso e abuso sexual baseado en imaxes. Nel traballarase cos vídeos divulgativos Acoso e abuso sexual facilitado polas tecnoloxías, unha produción con idea orixinal e contidos de María Lameiras e Yolanda Rodríguez e imaxe, animación e son de Marta Delas. Ademais intervirá a investigadora da UVigo Laura Sampedro.
O martes a programación contará cunha conferencia sobre violencia sexual e de xénero e o cine como linguaxe, a cargo de Auxiliadora Díaz, maxistrada, experta en violencia contra as mulleres e membro do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial. Na actividade participa tanto alumnado da Facultades de Relacións Internacionais como da Facultade de Educación e Traballo Social.
