Conformado por seis proxeccións e inserido na programación da Semana da Creatividade 2026
As relacións entre o ser humano e a tecnoloxía centran o ciclo de cine da primavera do campus
A Vicerreitoría acolle o vindeiro martes un coloquio co paleoneurobiólogo Emiliano Bruner
Baixo o título de Imago mundi, o ciclo de cine de primavera do campus “aspira a amosar algunhas das rutas escollidas polo cinema para ilustrar a interacción entre home, tecnoloxía e contexto, así como os efectos derivados desta relación”. Deste xeito presenta o programador Suso Novás, codirector de Novos Cinemas, o eixe central dunha programación integrada por seis proxeccións e que se desenvolverá nos meses de abril e maio na sede da Vicerreitoría. Inserido na programación da Semana da Creatividade 2026, que Campus Crea promove co apoio da Deputación de Pontevedra, o ciclo bota a andar este venres 10 con Robocop e estenderase ata o 29 de maio.
A través dunha escolma de longametraxes das últimas cinco décadas, o ciclo busca pór o foco na influencia da tecnoloxía “no contexto económico, social e de ocio” dos seres humanos, mais tamén no seu “imaxinario sentimental”, debatendo sobre como as tecnoloxías poden condicionar “como se coñece o mundo, como son os nosos sentimentos e a nosa relación co corpo”, sinala Novás. Para iso, a programación abrangue tanto olladas a futuros distópicos como a cuestións “coetáneas ao que está acontecendo” e permite tanto achegarse a filmes que forman parte xa do “imaxinario colectivo” como a outras longametraxes “que ao mellor quedaron máis soterradas”.
Seis filmes en abril e maio
Con entrada libre ata completar a capacidade da sala, todas as sesións darán comezo ás 19.00 horas e veranse complementadas por un coloquio arredor do filme. Imago mundi bota a andar este venres 10 de abril coa proxección de Robocop (EEUU, 1987), de Paul Verhoeven, unha pelicula que posibilita unha reflexión sobre “o uso da tecnoloxía por parte dunha corporación para acabar ditaminando o comportamento social”, sinala Novás. Á semana seguinte poderá verse Almas de metal (EEUU, 1973), de Michael Crichton, coa que abordar “o entretemento interactivo entre homes e máquinas e que acontece cando algo falla”. Xa o xoves 23 exhibirase Días estraños (EEUU, 1995), de Kathryn Bigelow, coa que afondar na idea de “como se relacionan as persoas a través das tecnoloxías” e en como estas permiten “sentir experiencias alleas”.
Xa no mes de maio, o venres 15 poderá verse Videodrome (Canada, 1983), un filme de David Cronemberg co que tratar as “relacións entre o virtual e o real”, mentres que o venres 22 poderá proxectarase Ex Machina (Reino Unido, 2014), de Alex Garland, que permitirá reflexionar sobre que supón o feito de que “algo que percibes cunha intelixencia similar á túa teña tamén corporeidade”. Finalmente, o 29 de maio pecharase esta programación con Blade Runner (EEUU, 1982), de Ridley Scott, “un fito do cinema de ciencia ficción” co que abordar “que acontece cando algo que está ao servizo do ser humano evidencia ser máis humano que os propios humanos”.
Meditación e evolución
Alén desta programación, a Casa das Campás acollerá o vindeiro martes 14, ás 19.00 horas, un coloquio co paleoneurobiólogo Emiliano Bruner, investigador do Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN-CSIC), centrado na evolución humana e na meditación. Baixo o título de O mono desperto: Unha conversa con Emiliano Bruner sobre evolución humana e meditación, trátase dun coloquio promovido polo Ateneo de Pontevedra e a Universidade de Vigo, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Centrado no seu libro La maldición del hombre mono, Bruner abordará desde a antropoloxía, a bioloxía evolutiva e a neurociencia, por que os seres humanos viven "nunha sensación de inquedanza e angustia existencial permanente", segundo sinalan desde a organización. O obxectivo, engaden, é "entender que esa angustia é unha das consecuencias do noso proceso evolutivo e como a meditación pode ser unha ferramenta para atopar a calma".
Graduado en Bioloxía e doutor en Bioloxía Animal pola Universidade La Sapienza de Roma, Bruner foi responsable de investigación do Grupo de Paleoneurobioloxía de Homínidos do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH) de Burgos, entre 2007 e 2024. Desde entón é investigador en paleoneurobioloxía no Museo Nacional de Ciencias Naturales do CSIC e investigador afiliado do Centro de Investigación de Enfermedades Neurológicas (CIEN), en Madrid.
