DUVI

Diario da Universidade de Vigo

remodelación equipo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 30/04/2024

O reitor da Univesidade de Vigo, Manuel Reigosa, anunciou este martes pola tarde a remodelación do seu equipo de goberno, cambios que chegan co obxectivo de “coller impulso con persoas novas” e “gañar velocidade” para afrontar os seus dous últimos anos de goberno á fronte da UVigo. 

A renovación do equipo supón a incorporación  dos catedráticos José Cidrás Pidre, que se fará cargo da vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade, da que ata o de agora se ocupaba José Luis Míguez Tabarés, e de Martín López Nores, novo responsable de Profesorado e Organización Académica, en substitución de Patricia Valcárcel.

 A maiores, os cambios inclúen a desaparición da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, dirixida por Mª Isabel Doval. Neste caso, Reigosa explicou que as competencias relacionadas coa diversidade, unha aposta importante do seu equipo, pasarán a depender do propio reitor, quen liderará a posta en marcha dunha oficina que se ocupará destes temas, como acontece con todo o relacionado coa igualdade. No que se refire ao eido do benestar, estas competencias pasarán a depender a Vicerreitoría de Extensión Universitaria que dirixe Susana Reboreda.

O reitor aproveitou tamén este intre para agradecer  todo o esforzo e dedicación dos tres vicerreitores que agora deixan o cargo.

José Cidrás, ampla experiencia xestora

Catedrático do Departamento de Enxeñería Eléctrica, José Cidrás conta cunha longa traxectoria profesional, tanto no ámbito académico como no da xestión universitaria. Director da Cátedra Telefónica-Universidade de Vigo, leva exercido diferentes cargos de responsabilidade, tanto na Escola de Enxeñería Industrial, da que foi director, como no equipo de goberno, onde xa exercera como vicerreitor de Planificación con Alberto Gago como reitor.

Martín López Nores, experto en dixitalización

Catedrático de Enxeñaría Telemática, Martín López Nores exerceu como director da Área de Innovación Docente ata o pasado mes de xaneiro, cando pasou a desempeñar o cargo de adxunto ao reitor para Dixitalización, posto que ata uns meses antes ocupara José Juan Pazos Arias, falecido o pasado mes de decembro.