DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un dos estudos incluídos na tese de doutoramento de Anton Kalén

O rendemento físico dos xogadores da NBA diminúe coa idade, pero non os minutos que disputan

A súa investigación centrouse nos procesos de selección de talento no baloncesto

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 25/01/2022

Segundo van cumprindo anos, diminúe o rendemento físico dos xogadores da NBA, mais o número de minutos que disputan e o seu rendemento técnico-táctico mantéñense ou mesmo increméntanse coa idade. Esta é unha das conclusións da análise que o investigador Anton Kalén realizou de máis de 3500 xogadores da principal liga de baloncesto do mundo, nun dos estudos que conforman a súa tese de doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable. Alén deste estudo, centrado na relación entre a idade e o rendemento no baloncesto de elite, a súa tese tiña como principal obxectivo afondar nos procesos de selección de talento no baloncesto europeo. Nese senso, a través da análise que realizou dos equipos nacionais masculinos e femininos de preto de 40 países, Kalén puido constatar como aqueles que convocan un maior número de xogadores de cada xeración nas seleccións de categorías de formación teñen logo máis éxitos deportivos cos equipos absolutos, así como comprobar como aqueles e aquelas que debutan como internacionais no seu primeiro ano nunha categoría teñen máis posibilidades de ser seleccionados de novo.

Dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey, a tese Talent selection strategies and evolution of elite performance in basketball compila tres estudos previamente recollidos nos artigos que Kalén publicou, xunto a investigadores do grupo Remoss, nas revistas científicas Journal of Sports Sciences, Frontiers in Psychology e Research in Sports Medicine. A tese de Kalen, que actualmente se atopa desenvolvendo unha investigación posdoutoral en Suecia, onde traballa para o Comité Olímpico, foi recoñecida nos premios extraordinarios de doutoramento da Universidade de Vigo, que se entregan este venres no acto académico de San Tomé de Aquino.

Rendemento técnico e táctico un 12% superior

Co obxectivo de estudar a relación entre a idade dos xogadores e o seu rendemento, Kalén analizou un total de 25.523 aparicións de 3532 xogadores da NBA. Esta abranguía, por unha banda, datos estatísticos como o número de puntos acadados ou a chamada “eficiencia”, baremo que engloba tanto accións positivas, como puntos e rebotes, como negativas, como tiros fallados ou perdas de balón. Por outra, a través do “sistema de tracking multicámara” da liga, estudou tamén a distancia percorrida en pista e a velocidade media de cada xogador.

Os resultados, explica, “mostraron que o rendemento físico diminuíu coa idade, mentres que o tempo de xogo e o rendemento técnico permaneceron estables ou aumentaron”. En termos xerais, as prestacións físicas dos xogadores de entre 30 e 42 anos eran un 4% ou 5% inferiores que as dos de entre 19 e 22, que percorren preto de tres quilómetros por partido. Pola contra, o “rendemento técnico táctico” dos xogadores de entre 26 e 29 é un 12% superior que o de aqueles que teñen entre 19 e 25, á vez que disputan un 16% máis de minutos. “Estes achados suxiren que os xogadores que logran seguir xogando a un nivel de elite a medida que envellecen fano porque poden compensar a diminución do rendemento físico cun rendemento técnico-táctico mellorado”, sinala Kalén. Mais, ao mesmo tempo, estes resultados poderían reflectir tamén, engade, como só “os mellores xogadores seguen” na liga “ao facerse maiores”, mentres que aqueles que non acadan un rendemento técnico-táctico tan elevado vense fóra da NBA cando diminúe o seu rendemento físico.

Máis xogadores internacionais, máis éxitos

Outro dos estudos reunidos nesta tese centrouse en “explorar que estratexias de selección de talento” utilizan as diferentes federacións europeas e a súa relación cos éxitos deportivos en categoría absoluta, analizando neste caso “o número de xogadores de cada xeración que foron seleccionados” cando menos para un campionato europeo nas diferentes categorías de formación. Un total de 11.052 deportistas, 6616 homes e 4433 mulleres, de 38 países, formaron parte desta análise, da que Kalén conclúe que a escolla dun maior número de xogadores “posiblemente se relacione cun mellor rendemento a longo prazo” das seleccións.

No referido ao baloncesto masculino, seis países (Francia, Lituania, Rusia, Italia, Alemaña e Reino Unido) “seleccionaron significativamente máis xogadores por xeración que a media”, entre 18 e 20, e, coa excepción do equipo británico, todos eles sitúanse nos 13 primeiros postos do ránking FIBA de seleccións. No outro lado, os países (Luxemburgo, Bielorrusia, Estonia, Dinamarca, Macedonia del Norte, Bulgaria e Portugal) que escollen menos xogadores por xeración, entre 12 e 14, sitúanse entre os postos 26 e 39 deste ránking. Non obstante, o xa doutor pola UVigo incide en que “non sabemos se hai un efecto causal” entre o número de internacionais por xeración e os resultados das seleccións absolutas, xa que este pode vir determinado por outros factores, como o nivel das ligas de cada país. De feito, esta relación entre o número de seleccionados e o rendemento dos equipos nacionais dáse dun xeito máis pronunciado, sinala, nos equipos masculinos que nos femininos.

A importancia de ir coa selección no primeiro ano na categoría

Centrado tamén nos procesos de selección, outro dos estudos pon o foco no número de xogadores e xogadoras que eran seleccionados unha ou varias veces para as seleccións sub16, sub18 e sub20. O estudo abrangueu un total de 9045 xogadores, 5559 homes e 3486 mulleres, de 46 países europeos e con el Kalén buscaba coñecer que factores influían na posibilidade de “reselección”, de que os convocados e convocadas coas súas seleccións fosen de novo internacionais. O estudo permitiu constatar que ten “maiores posibilidades de sobrevivir” nos equipos nacionais quen debuta coa selección no seu primeiro ano na categoría, probabilidade que é maior no caso do baloncesto feminino. Trátase, por exemplo, daqueles e aquelas que van á selección cadete con 15 anos en lugar de con 16, xa que, como explica Kalén, nesta franxa de idade con frecuencia son convocados deportistas máis “desenvolvidos fisicamente”. Do mesmo xeito, os resultados amosan que esta “reselección” é tamén máis probable nos países “con peor rendemento”, que “seguen seleccionando os mesmos xogadores”, algo que, sinala, dáse tamén dunha “forma moito más clara” no baloncesto feminino.