DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun ciclo de lingua e calidade e outro sobre xestión do multilingüismo nas aulas

Renóvase a oferta de cursos da Área de Normalización Lingüística para o segundo cuadrimestre

Dirixidos á comunidade universitaria e con matrícula totalmente de balde

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Académica
D. Besadío DUVI 24/01/2023

Un ciclo de lingua e calidade e outro sobre xestión do multilingüismo nas aulas. Estas son as grandes novidades da oferta formativa da Área de Normalización Lingüística para o segundo cuadrimestre, un abano de posibilidades que inclúe sete cursos formativos en lingua galega dirixidos á comunidade universitaria e que se levarán a cabo en liña durante os meses de marzo, abril e maio. Con matrícula gratuíta e recoñecidos con créditos ECTS, as persoas interesadas en inscribirse poderán facelo do 6 ao 17 de febreiro a través da plataforma virtual bubela.uvigo.es. No primeiro cuadrimestre matriculáronse nestas actividades 173 persoas.

Xestión do multilingüismo nas aulas

O Curso de xestión do multilingüismo nas aulas está destinado, principalmente, a profesorado da comunidade universitaria interesado en aprender a afrontar eficazmente situacións lingüísticas que poden resultar incómodas. Cunha duración de 10 horas impartirase entre o 6 e o 22 de marzo e o programa dividirase en tres bloques temáticos: diversidade lingüística no mundo, marco legal para as linguas na docencia universitaria e condutas asertivas (revisión das actitudes lingüísticas en Galicia, converxencia lingüística como conduta de submisión, estrés lingüístico, fundamentos psicolóxicos para a intervención…). Trátase, entre outros aspectos, de tomar conciencia do plurilingüismo no mundo actual e na universidade en particular e aprender a respectar, protexer e promover a diversidade lingüística e cultural.

Lingua e calidade

O Ciclo de lingua e calidade está destinado a persoas interesadas en mellorar a súa competencia escrita. Tamén de dez horas de duración, neste caso impartirase do 10 ao 25 de abril. Componse de cinco seminarios de dúas horas de duración cada un: a disposición textual e as variedades tipográficas, as maiúsculas e as minúsculas, as citas e as referencias bibliográficas, os préstamos lingüísticos e os neoloxismos e a fraseoloxía galega.

Clásicos que renovan

A programación dos cursos complétase con outros cinco títulos: Curso de iniciación á lingua galega, A calidade lingüística no teu TFG ou TFM, Curso de linguaxe administrativa e xurídica, Os erros máis frecuentes da lingua galega e un Curso de redacción e estilo. O curso de iniciación á lingua galega, de 40 horas de duración, vai dirixido ao alumnado estranxeiro e formúlase como unha inmersión na lingua e cultura galegas, tratando de achegarlles ás persoas participantes unha introdución histórica, antropolóxica, lingüística e cultural do universo galego.

No caso do curso A calidade lingüística no teu TFG ou TFM, de 30 horas e que se impartirá ao longo do mes de marzo, o obxectivo é axudarlles ás alumnas e alumnos a redactar con corrección os traballos académicos e saber expresar as ideas para expoñer os resultados dun Traballo Fin de Grao ou un Traballo Fin de Mestrado. Pola súa banda, o Curso de linguaxe administrativa e xurídica busca achegar os recursos suficientes para poder redactar e corrixir textos vinculados co dereito e coa administración cun nivel de calidade que se corresponda co uso propio da lingua galega en ámbitos administrativos e xurídicos. Con 40 horas de duración, a docencia levarase a cabo entre o 1 de marzo e o 11 de abril.

Destinado a persoas interesadas en repasar e mellorar os seus coñecementos lingüísticos, Os erros máis frecuentes na lingua galega, de 30 horas, vai dirixido a repasar a ortografía, a gramática e o léxico da lingua galega para mellorar o seu manexo, así como a revisar os erros máis frecuentes nos escritos en lingua galega. A oferta formativa da ANL para este segundo cuadrimestre complétase co Curso de redacción e estilo, unha oportunidade para achegar coñecementos de estilo e de redacción a quen se enfronta diariamente coa tarefa de producir escritos. Con 40 horas de duración a docencia prolongarase neste caso entre o 29 de marzo e o 8 de maio.