DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro centrado no proxecto que UVigo e USC desenvolven ao abeiro dun convenio coa Xunta

Representantes do instituto finés Metsäkeskus coñecen na EE Forestal os traballos para a elaboración do inventario forestal continuo de Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 23/03/2022

Centrado principalmente en prestar apoio aos propietarios forestais fineses, o instituto público Metsäkeskus leva a cabo desde hai preto dunha década un traballo de inventariado forestal ao que buscan incorporar melloras coñecendo ao detalle os procedementos para a elaboración do primeiro inventario forestal continuo de Galicia, que as universidades de Vigo e Santiago de Compostela levan a cabo no marco dun convenio coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Con ese propósito, os integrantes deste instituto Minna Luoto e Jussi Lappalainen participan este mércores na Escola de Enxeñaría Forestal nunha serie de reunións de traballo dirixidas a afondar, entre outros aspectos, na metodoloxía de caracterización de parcelas forestais a partir de imaxes por satélite que desenvolven no centro do campus pontevedrés.

Promovido pola Consellería do Medio Rural, neste encontro participan tamén investigadores da universidade compostelá, así como representantes de Seaga, da Asociación Forestal Galega e da propia Consellería, así como da empresa finesa Arbonaut, que presta soporte tecnolóxico a Metsäkeskus nos seus traballos de inventariado. “Trátase dun instituto público dedicado á extensión forestal, a prestar servizos aos propietarios, como ofrecerlles dunha forma actualizada información sobre canta madeira teñen nas súas parcelas, a posible afectación de pragas...”, explica Jacobo Aboal, técnico da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería. O feito de que o traballo de inventariado que realizan desde hai dez anos se leve a cabo a nivel de parcela castastral, ao igual que o proxecto que Medio Rural desenvolve coas universidades, motivou unha reunión previa por videoconferencia, dirixida a coñecer como afrontaban neste instituto finés unha serie de traballos, o que derivou á súa vez, como sinala Aboal, no interese deste instituto público polo proxecto que actualmente se desenvolve en Galicia. 

Dous días de intercambio de información

Co propósito de servir como un foro para o “intercambio de información”, este encontro abrangue unha serie de xuntanzas que continúan na xornada do xoves na Escola Superior Politécnica de Enxeñaría da USC, no campus de Lugo. Tras realizar en primeiro termo unha saída de campo dirixida a coñecer os traballos de recolección de datos en parcelas forestais, esta xuntanza trasladouse á EE Forestal, onde o investigador e director do centro, Juan Picos, abordou o estudo socioeconómico dos propietarios forestais que, no marco dos traballos para este inventario, levan a cabo xunto con Instituto Galego de Estatística (IGE). Por outra banda, a profesora Julia Armesto afonda esta tarde nos traballos para o desenvolvemento de sistemas capaces de caracterizar de forma automática diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partires de imaxes por satélite de alta e media resolución. 

Nesta xornada, o encontro abrangue así mesmo unha presentación por parte dos representantes de Metsäkeskus sobre a súa experiencia no uso de tecnoloxía Lidar en traballos de inventariado forestal, así como intervencións de Kseniia Plevak, da empresa Arbonaut, e Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia, quen afondará nos servizos de asesoramento a propietarios.