Nunha xornada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Representantes do sector pesqueiro, financeiro e institucional debaten en Vigo sobre o papel da economía azul na sustentabilidade dos océanos
Analizáronse os retos ambientais e económicos do complexo mar-industria
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais converteuse este xoves en punto de encontro para o amplo número de representantes do sector pesqueiro, financeiro e institucional que asistiron á Xornada Sostenibilidade na Economía Azul, un encontro organizado no marco da Semana de la Inversión Sostenible y Responsable 2026, impulsada por Spainsif, o foro español de investimento e finanzas sostibles, coa colaboración do grupo de investigación en Economía dos Recursos Naturais e Ambientais, Erenea, da Universidade de Vigo.
A decana da facultade, María Dolores Garza, investigadora principal do grupo Erenea, explicou na apertura das xornadas que a organización deste encontro responde á relevancia que teñen as actividades vinculadas ao mar na economía galega e, especialmente, na área de Vigo. “Era un tema que tiñamos enriba da mesa pola transcendencia socioeconómica destas actividades. Spainsif contactou con nós para organizar unha xornada de difusión e propuxemos este enfoque”, sinalou Garza.
“Os océanos son un ben público, pero tamén un ben económico crítico”
O encontro, aberto ao público en xeral, tomou como punto de partida as transformacións que experimenta o complexo mar-industria e o papel clave dos océanos nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, establecendo como referencia iniciativas internacionais como Blue Growth, centradas no desenvolvemento económico ligado ao mar desde unha perspectiva ambientalmente responsable.
A benvida correu a cargo da propia María Dolores Garza e da presidenta de Spainsif, a galega Patricia Gabeiras. “Esta é unha excelente oportunidade para compartir experiencias e retos de futuro en torno a dúas das principais actividades da economía azul, como son a pesca e a acuicultura, se ben o facemos nunha contorna de elevada incerteza e alta volatilidade, debido á situación xeopolítica que estamos a vivir nestes intres”, explicou a decana. Neste duro contexto internacional, o encontro buscou tamén, tal como apuntou Garza, difundir o papel que poden desempeñar os distintos axentes económicos e institucionais para avanzar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, entre eles o reto de alcanzar o 30 % de protección dos océanos antes de 2030.
Pola súa banda, a responsable de Spainsif, Patricia Gabeiras, arrancou a súa intervención recoñecendo que a defensa das rías galegas forma parte do seu ADN profesional. “As rías, os mares, os océanos son un ben público, pero tamén un ben económico crítico e a súa degradación xera riscos físicos, pero tamén regulatorios e económicos”. Neste contexto, Gabeiras destacou como a transición cara modelos máis sostibles abre “novas oportunidades de investimento, de innovación e de competitividade sostible”, facendo así fincapé en que a economía azul non só se trata dunha axenda ambiental, senón tamén dunha axenda económica. Desde o seu punto de vista, deben garantirse tres cuestións clave: primeiro, “é necesario integrar natureza, rías, mares e océanos na análise financeira”; segundo, “establecer marcos regulatorios eficaces, claros e coherentes”, e, por último, “cómpre fomentar o diálogo entre o sector financeiro, a industria e as administracións públicas”.
Dúas mesas de debate e clausura a cargo da conselleira e o reitor
A primeira mesa redonda, moderada polo catedrático emérito da Universidade de Vigo Manuel Varela, centrouse na economía azul e na sustentabilidade dos océanos, para o que contou coa participación do presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza; do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; do coordinador da Fundación Biodiversidad, Javier Remiro; e da propia Garza Gil como coordinadora do grupo Erenea. Fíxose fincapé, entre outros aspectos, en que a transición se acelera cando o capital se orienta con criterio e con visión de longo prazo, así como en que unha economía sólida e competitiva só se pode construír sobre ecosistemas sostibles e ben xestionados.
A segunda mesa abordou a tecnoloxía verde, o investimento e o financiamento sostible. Nela interviñeron o director de Abanca Mar, Javier Fraga; a xerenta de ventas de Fidelity International, Silvia Merino; o responsable de Finanzas Sostibles e Responsabilidade Corporativa en EQA España, Jorge Barbero; a conselleira económica senior do Banco Europeo de Investimentos en España, Paz Guzman; e Antonio Muiños, da empresa Porto Muiños, especializada en acuicultura sostible.
A clausura da xornada correu a cargo da conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde, e do reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa Roger.
Cada ano nunha cidade
Esta iniciativa forma parte dun programa que cada ano se celebra en distintas cidades españolas co obxectivo de fomentar o coñecemento, o diálogo e o intercambio de boas prácticas sobre a integración dos criterios ambientais, sociais e de bo goberno (ASG) nas decisións de investimento.
