DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coñeceron as instalacións e o traballo dos grupos de investigación do centro 

Representates de Stellantis visitan Cintecx para estreitar relacións e identificar futuras oportunidades de colaboración 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Investigación
DUVI 13/06/2022

Cos obxectivos de identificar futuras oportunidades de colaboración, estreitar relacións e comprobar de primeira man o potencial do equipo humano dos diferentes grupos que integran o centro, así como de coñecer os espazos dedicados á investigación, representantes de diversos departamentos do grupo automobilístico internacional Stellantis visitaban nas últimas horas o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx). 

Os representantes dos departamentos de ferraxe, enxeñaría de procesos, automatización de fluxos, montaxe e pintura, innovación e investigación do Grupo Stellantis, reuníronse e visitaron o centro acompañados pola súa directora, Concepción Paz; o subdirector, Félix Quintero e o director de Transferencia, Eduardo Súarez, así como polo director do Campus Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva. 

Durante a súa visita e divididos en dous grupos, os representantes da agrupación automobilística visitaron a nave na que se atopa o taller do Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE), así como os espazos nos que desenvolve a súa actividade o Grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (BIOSUV), onde puideron coñecer o traballo que desenvolven na actualidade, así como proxectos e liñas de investigación dos grupos de Cintecx.

Segundo a directora do Centro, Concepción Paz, “estas iniciativas contribúen, por unha banda, a mellorar o posicionamiento da imaxe de marca de Cintecx naquelas áreas con potencial interés para os seus labores de investigación, como tamén na creación e consolidación de redes de contactos con axentes empresariais interesantes para actividades colaborativas futuras”.