DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con versión virtual e presencial na Facultade de CC Xurídicas e do Traballo o mércores 4

Da represión franquista á querela arxentina, unhas xornadas porán de manifesto a importancia de recuperar a memoria e a verdade

Prestarase especial atención á violencia sufrida polas mulleres, “moitas veces desapercibida ou mini

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
D. Besadío DUVI 29/10/2020

Un punto de encontro no que reflexionar sobre o que significa a memoria e a xustiza para a superación de procesos ditatoriais que afectan transversalmente á sociedade, e singularmente ás mulleres e outros colectivos que sofren discriminación. Esta é a idea coa que os profesores Xosé Manuel Pacho, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, e Pablo Bonorino, da Facultade de Dereito, organizaron a Xornada Muller, memoria e xustiza transicional. Da represión franquista á querela arxentina, que terá lugar o vindeiro 4 de novembro virtualmente, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, e de maneira presencial no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo –cos límites de capacidade axustados á actuais circunstancias sanitarias-.

“A idea de realizar estas xornadas xurde da investigación sobre os procesos de xustiza transicional, o conxunto de medidas xudiciais e políticas empregadas para recoñecer, xulgar e reparar as violacións masivas de dereitos humanos nas ditaduras, ou nos procesos de transición dunha ditadura a un rexime democrático”, explica o profesor Xosé Manuel Pacho, ao tempo que fai fincapé en que a idea é visibilizar a idea de memoria, xustiza e reparación no Estado español e examinar as razóns polas que “este recoñecemento que a nivel mundial ninguén discute, e que é amparado por Nacións Unidas, se faga tamén posible no noso Estado, posto que, como ten amosado a perspectiva comparada doutras sociedades fracturadas polos abusos e violacións, só dende o recoñecemento e a reparación das vítimas se pode avanzar”.

Desde o punto de vista dos organizadores, visiblizar a idea  da Xustiza Transicional no campo do dereito permitirá avanzar, un avance que sempre debe pasar porque non queden impunes estes abusos, que sexan recoñecidos, que se faga xustiza e que se repare ás vítimas. “Para iso debe servir un ordenamentos xurídico, un sistema legal, como nos explica Nacións Unidas e o propio proceso de Núremberg, que non pode mirar cara o outro lado”, recalca o director das xornadas.

As xornadas combinan a perspectiva teórica coa realidade práctica de quen leva anos loitando 

Esta actividade, que se celebrará en horario de tarde, complementará a perspectiva teórica coa realidade práctica, incluíndo a visión daqueles colectivos que levan décadas reclamando ao Estado español xustiza, memoria e reparación, e que conseguiron que as vítimas da ditadura franquista non fosen esquecidas, como Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

Desde o punto de vista teórico tratarase de contextualizar o que significa a xustiza tras procesos ditatoriais, ditaduras onde foron conculcados dereitos, “e así reflexionaremos sobre a xustiza transicional na Arxentina e seu modelo de memoria, verdade e xustiza, para observar se no noso Estado se acometeu esta realidade”, explica o docente, ao que engade que, xunto a isto, tamén se debaterá sobre a perspectiva de xénero en relación coa xustiza tras as ditaduras.

Para abordar todas estas cuestións, xunto a Xosé Manuel Pacho, que será o encargado da presentación da xornada, contarase coa participación das profesoras da Universidad Nacional de Mar del Plata Paula Muniagurria e Juliana Tumini. Muniagurria é defensora pública oficial da nación Arxentina e directora do Observatorio de Políticas de Xénero e Diversidade da Facultade de Dereito da UNMDP. No caso de Julia Tumini é profesora da Cátedra de Dereito Político desa Universidade e membro do Centro de Investigación de Dereitos Humanos Alicia Moreau e do Instituto de Investigacións Carlos Santiago Nino. “Ademais temos a sorte de que tamén estará Carmen García-Rodeja, investigadora da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que virá acompañada de Concha González, familiar de represaliados e denunciante da querela arxentina”, salienta o director.

“Sen memoria non se pode construír nada no futuro”

A xornada, que está financiada pola Unidade de Igualdade, pecharase cunha mesa redonda e un debate coas persoas asistentes. Neste sentido, os organizadores salientan a importancia de que a sociedade en xeral, e a comunidade universitaria en particular, observen a necesidade dos procesos de xustiza, de recuperación da memoria “sen a cal non se pode construír nada no futuro, e particularmente observaremos a violencia sufrida polas mulleres, que en moitas ocasións pasa desapercibido ou é minimizado”.

As persoas interesadas en asistir á xornada deben enviar un correo electrónico ao director (xmpacho@uvigo.es) e, unha vez rematada a actividade, recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia.