DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo organiza este simposio da Academia Europea de Dirección e Economía da Empresa

A resiliencia e a sostibilidade centrarán o congreso Aedem que se celebrará a finais de maio en Vigo

Os seus impulsores reuníronse este martes co alcalde da cidade, Abel Caballero

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/01/2023

Entre o 31 de maio e o 2 de xuño, Vigo será a sede da trixésimo sétima edición do Congreso Científico de Aedem (Academia Europea de Dirección e Economía da Empresa), un foro de intercambio de experiencias docentes e investigadoras no eido da dirección e a xestión de empresas. A presidenta da asociación, Encarnación González Vázquez, catedrática do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo, reuniuse este martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, para dar a coñecer este evento, xunto cos responsables do comité organizador local, os profesores da Universidade de Vigo Jesús F. Lampón e Pablo Cabanelas, e a decana da Facultade de Comercio, Consuelo Currás.

O congreso está organizado conxuntamente por Aedem e pola Universidade de Vigo, sendo esta a terceira vez que se celebra en Galicia, tras o seu paso ao longo de máis de tres décadas de existencia, por Santiago de Compostela, Ourense e Sada. Ademais, esta cita, que se desenvolverá na sede de Afundación, permitirá recuperar a normalidade pre-pandemia polo que dende o comité organizador agardan que ademais dun congreso “de gran prestixio” sexa tamén un “espazo de encontro e intercambio de ideas que permitan o progreso individual e colectivo, de modo que, entre todos, contribuamos a lograr unha sociedade mellor”.

Resiliencia e na sostibilidade, eixo central da xuntanza

O congreso converterá a cidade nun “magnífico punto de encontro onde compartir e potenciar os nosos avances científicos en diversos escenarios, relacionados coa economía da empresa”, como explican os organizadores. En concreto, esta edición, a primeira que se celebra en Vigo, centrarase na resiliencia e na sostibilidade como claves dunha nova realidade empresarial. Como destacan os presidentes do comité organizador, “dende a crise económica e social provocada pola covid-19, co seu impacto directo na cadea de subministro global, ata a ocupación de Ucraína por parte de Rusia, estase tensionando a economía empresarial, institucional e familiar, e debemos axudar a atopar solucións”. Estas, engaden, pasan “por anticipar as tendencias que marcarán o futuro próximo no eido empresarial e axustar os modelos de negocio de forma acorde. Entre estes elementos de cambio será necesario integrar a sostibilidade en todas as súas vertentes, seguindo a lóxica da triple-bottom line: persoas, planeta e beneficios. Neste sentido, hai que responder moitas preguntas, pero existe unha crucial: como se están preparando as empresas para a transformación que vén?”. Precisamente, neste congreso o obxectivo é identificar e compartir as ideas e propostas que “contribúan a mellorar a resiliencia e sostibilidade do ámbito económico-empresarial, xa sexa rompendo paradigmas ou plantexando temas para a reflexión que provoquen inquedanza e suxiran novas preguntas. Só así podemos progresar como académicos e atender aos retos que están por vir”.  Para acadar estes obxectivo o simposio contará con poñentes de diferentes países, con especial presenza de participantes de Iberoamérica. 

En xeral, agárdase a participación de entre 200 e 300 investigadores, docentes, xestores públicos, emprendedores e empresarios, que ao longo de tres días poderán achegar as súas visións sobre o papel que deben xogar a resiliencia e a sostibilidade dentro das organizacións empresariais. Tamén participarán no simposio estudantes, que poderán presentar os seus traballos fin de grao e fin de mestrado e optar a algúns dos múltiples premios que se outorgarán. 

No que atinxe aos contidos, o congreso abordará diversas áreas temáticas que van dende métricas de valor social, finanzas, contabilidade, recursos humanos, ética empresarial, organización, transformación dixital, márketing, educación e novas tecnoloxías do ensino, xestión do coñecemento e innovación, emprendemento, turismo, empresa familiar ou transporte e mobilidade. 

Premios

Entre os participantes no congreso entregaranse varios premios, como o Premio Fundación Camilo Prado á mellor investigación no congreso; o Premio Feside á mellor investigación en finanzas; Premio ESIC á mellor investigación en márketing; Premio ESIC á mellor investigación en organización de empresas; Premio ESIC á mellor investigación en transformación dixital; Premio Cátedra Metropol-Parasol á mellor investigación en turismo; Premio European Journal of Family Business; Premio Aedem en innovación educativa; Premio Fundación Camilo Prado ao mellor traballo fin de grao ou mestrado; Premio Paco Cossío á mellor investigación realizada por un investigador novo e Premio Geaccounting á mellor investigación en métricas de valor social.

As persoas interesadas en participar no congreso presentando traballos, a data límite de envío dos mesmos é o 28 de febreiro. No que atinxe á inscrición, esta poderá formalizarse ata o 20 de abril.