DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación está editada polo grupo Ephyslab, que participou nesta iniciativa

A revista Avances en Ciencias de la Tierra recolle os resultados do STEMBach en bioconstrución do IES As Lagoas

Recolle os proxectos desenvolvidos desde 2020 a 2022

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI Ourense 12/12/2022

A revista electrónica anual Avances en Ciencias de la Tierra (ACT), editada polo grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo), acaba de publicar un novo número, o doce. Nel recóllense os traballos desenvolvidos por alumnado do IES As Lagoas (Ourense) no marco dun STEMBach desenvolvido neste instituto centrado principalmente en bioconstrución e no que colaborou o grupo da UVigo.

Avances en Ciencias de la Tierra, editada en colaboración coa Asociación Ambiental Esclima, preséntase como unha publicación científica centrada nos distintos ámbitos de coñecemento relacionados coas ciencias da terra. A diferencia doutras publicacións deste eido, ACT ten, segundo explican desde a súa organización, unha dobre vertente: científica e docente. Así, indican, a publicación pretende ser primeiro un banco de probas onde alumnado aprenda as técnicas de publicación científica e, segundo, unha publicación científica ao uso, onde o rigor científico nos contidos alcance os mesmos niveis que na maioría das publicacións científicas tradicionais. Este ano, como novidade, quixeron dedicar este último número de xeito monográfico ao citado STEMBach dado os seus bos resultados, estando prevista a publicación dun segundo número da revista neste 2022 pero xa seguindo a liña de traballo de anteriores anos.

Bos resultados

Este número 12 tivo como coordinadores aos investigadores de Ephyslab Diego Fernández, Xurxo Costoya e Orlando García, que formaron parte do equipo deste grupo que participou activamente no STEMBach, ofrecendo ao alumnado participante asesoramento no desenvolvemento dos seus proxectos, na presentación e valoración de traballos e tamén na edición dos seus textos para esta publicación. Sobre as orixes desta colaboración, a revista recolle que xurdiu a principios do curso 2019/2020, cando no IES As Lagoas, situado a carón do campus de Ourense, se puxo en marcha este STEMBach que, a pesar da pandemia, conseguiu amosar como “estudantes de Bacharelato poden realizar todo o proceso que vai desde ter unha primeira idea, realizar un deseño, executar un plan de traballo e, finalmente, plasmalo de forma escrita”.

Neste senso, os responsables da publicación destacan non só a calidade dos traballos desenvolvidos (e que na revista abranguen desde 2020 a 2022), senón tamén o feito de que os realizaron estudantes de Bacharelato, unha etapa especialmente intensa para o alumnado debido á realización inminente das probas de acceso á universidade. Por este motivo, na revista amosan a súa satisfacción polo feito de que este grupo de rapazas e rapaces "teña dedicado parte do seu escaso tempo a tarefas non absolutamente obrigatorias”. Tamén poñen de relevo o papel dos titores e titoras de cada traballo.

Un proxecto grande e varios microproxectos

O volume lanzado arranca cun primeiro texto onde responsables do STEMBach do IES As Lagoas resumen os diferentes retos afrontados no proceso e continúa con varios artigos que tratan respectivamente da análise de diferentes materiais para protexer as construcións fronte a radio frecuencias, da climatización dunha vivenda usando un pozo canadense, do illamento térmico das vivendas, da resistencia dos bloques de construción, das preferencias con respecto a recubrimento e da resistencia das vigas de madeira. En bloques temáticos diferentes, descríbese un sistema para a adquisición automática de datos en experimentos de bioconstrución e diferentes fontes de enerxía, incluíndo tres artigos dedicados á enerxía eólica, solar e undimotriz.

As e os responsables do STEMBach no IES As Lagoas sinalan na publicación que esta iniciativa centrouse “no estudo dun sistema, módulo ou edificación realizada baixo criterios de bioconstrución; é dicir, respectando o medio ambiente e as persoas que residen na vivenda”. Dentro do marco de referencia da bioconstrución, engaden, o traballo dividiuse en dúas fases principais: un proxecto de gran grupo e un conxunto de microproxectos a realizar por un número pequeno de estudantes (non maior de 4). No primeiro caso centráronse no deseño e planificación dunha pequena construción bioclimática dun só espazo. No caso dos microproxectos, analizáronse casos concretos como a análise térmica, o comportamento fronte a radio frecuencias, así como a resistencia dos materiais á carga e á erosión por parte dos axente atmosféricos. Esta división en pequenos proxectos, detallan, foi o resultado do plan de continxencia para adaptarse no seu momento á pandemia. Os resultados tanto do gran proxecto como dos microproxectos desenvolvidos son os recollidos agora na publicación de Ephyslab que está dispoñible para a súa consulta a través de Internet.