DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun monográfico presentado este xoves no campus

A Revista Galega de Educación pon o foco nos efectos negativos do decreto de plurilingüismo nas aulas

A publicación recolle voces críticas coa súa aplicación durante unha década

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Académica
DUVI Ourense 06/05/2021

O número 78 da Revista Galega de Educación, un monográfico titulado Dez anos de plurilingüismo?, foi presentado este xoves na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Ante as e os futuros mestres presentes no acto, os seus promotores abordaron “os efectos negativos” que tivo na presenza e no uso do galego nas escolas o decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

No acto, que puido seguirse en directo na páxina da facultade en Facebook, participaron por parte do centro o seu decano, Xosé Manuel Cid, e as vicedecanas Isabel Mociño e Ana Iglesias, e por parte da revista Mariló Candedo (coordinadora do monográfico e profesora da UDC); Xesús Fortes (membro do consello editorial da revista e profesor do CIFP Portovello de Ourense) e Francisco M. Paradelo (autor e profesor do CPI Virxe da Saleta de Cea, Ourense).

Unha ollada crítica

Na súa intervención, Xosé Manuel Cid, subliñou o acaído desta presentación “neste mes de maio, que coincide coa celebración das Letras Galegas”. O decano de Educación e Traballo Social destacou na súa intervención a importancia de, dez anos despois da posta en marcha do decreto para o plurilingüismo, “abordar como está a normalización lingüística, a presenza e uso do galego no sistema educativo”. Sobre ese decreto indicou como “por se o galego xa non pasaba por moi boa saúde, sobre todo entre a xente máis nova, con toda a responsabilidade que poidamos ter os educadores aí, con ese decreto creo que aínda recuamos”. Unha década despois do inicio da súa aplicación, Cid amosou o seu desexo de “ter mil primaveras máis de recuperación do que se perdeu nestes dez anos” en canto ao uso do galego.

Respecto ao monográfico da revista, editada por Nova Escola Galega desde o ano 1986, a súa coordinadora explicou que “nel analizamos os efectos do decreto do plurilingüismo no ensino desde unha perspectiva crítica, dándolle voz ás institucións, a profesionais, a organización políticas e sindicais e a organizacións cidadáns”. Así, na publicación abordan a aplicación do decreto firmas como Víctor F. Freixanes (presidente da Real Academia Galega); Rosario Álvarez (presidenta do Consello da Cultura Galega); Marcos Maceira (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística), e representantes de partidos políticos como BNG, En Marea e PSdeG; de sindicatos como CIG-Ensino e CCOO Galicia, e das ANPAS galegas, ademais de profesionais do eido do ensino e a universidade.

Un “marco regresivo”

No monográfico, indicou Mariló Candedo, “o balance que se realiza do decreto de plurilingüismo é negativo en canto aos seus efectos”. A súa aplicación, apuntou, supuxo “un marco regresivo”, lembrando como “distintos estudos dan conta do devalo lingüístico” e “cuestionan o papel da escola, do ensino, como axente normalizador”. Neste senso a responsable do monográfico apuntou que o “primeiro asunto que preocupa é que non haxa datos institucionais” da súa aplicación pois, dixo, “a avaliación prevista no propio decreto non se realizou, nin de competencias, nin de resultados nin sobre o desenvolvemento dos proxectos lingüísticos dos centros”.

Porén, engadiu Mariló Candedo, “si hai estudos que nos falan de eivas importantes provocadas por este decreto e de perda de falantes”. Así, lembrou como recentemente a Real Academia Galega publicou un estudo de competencias “onde efectivamente se pon en cuestión e claramente a propia norma, o decreto do plurilingüismo como unha norma que non facilita, senón todo o contrario, que nos retrotrae a outros momentos que non deberían ser, a unha idea de plurilingüismo que en realidade non é tal porque o plurilingüismo ten que ser inclusivo, ten que partir da lingua minoritaria, da lingua propia, e dar entrada por suposto a unha diversidade de linguas”. O decreto, sinalou, “fala de equilibrio e non hai equilibrio posible entre linguas que socialmente teñen unha diferenciación como a que ten o galego e o castelán”.

Tal e como sucedera en 2009/2010, Mariló Candedo subliñou que no monográfico “tanto as institucións como as voces cívicas e o mundo profesional reclaman un cambio de orientación nas políticas lingüísticas”. É necesario, afirmou a profesora, “deixar que a escola cumpra o papel que ten, que é precisamente pular polo galego, polo uso progresivo do galego no ensino, que é o que reclama a lei de normalización lingüística para o ensino. Esa é a encomenda que lle fai e que desde logo non pode cumprir cun marco tan regresivo como o propio decreto do plurilingüismo”.