DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa edición en papel do seu número 25

A revista 'Minius' retoma a súa actividade

A publicación do Departamento de Historia, Arte e Xeografía deixou de editarse en 2016

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 21/12/2020

Creada no ano 1992, a revista Minius Historia, Arte e Xeografía, editada e xestionada polo Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, parou de publicarse tralo seu número 24, correspondente ao ano 2016. Co obxectivo de que non se perdese finalmente unha iniciativa con 28 anos de historia ás súas costas, a revista retómase agora coa edición en papel do seu número 25.

Unha nova etapa

O novo equipo da revista, que está editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, está formado polos membros do Departamento de Historia, Arte e Xeografía Xosé Antón Díaz, como director; Xosé Ramón Campos, director adxunto; Carlos Alberto Patiño, secretario, e Xosé Manuel Sánchez, secretario adxunto. “A idea de retomar a revista sempre estivo aí. Parecíanos preocupante a posibilidade da súa desaparición pois entendíamos que non se podía perder unha marca de 28 anos que ten esta revista. Non podía ser que se perdese unha revista xa indexada, recoñecida, que evolucionou ata acadar un nivel b e na que progresivamente se ían publicando achegas de persoas moi recoñecidas, que fan moita doutrina”, comentan os responsables da publicación. Así, lembran, Minius parou de editarse “no seu mellor momento”.

Esta idea de retomar a publicación, apuntan os seus responsables, sempre estivo presente no Departamento de Historia, Arte e Xeografía pero foi en decembro de 2018 cando se empezou a dar pasos concretos nese obxectivo e se puxo en marcha o novo equipo que asumiu o proxecto. Neste senso, a súa nova dirección destaca o apoio dos membros do departamento, facendo fincapé en como “este novo número non sería posible sen a súa implicación” e sinalando como grazas a eles o reto asumido “foi un labor ameno e agradecido”.

A revista, explican desde a súa dirección, mantén nesta nova etapa a súa periodicidade anual e o seu carácter interdisciplinar, abranguendo dentro das humanidades as áreas de coñecemento que corresponden ao departamento editor, como son a historia, a arte e a xeografía. Aínda que este número 25 se edita en papel, apuntan como a publicación pasará a ter un formato electrónico. Unha vez lanzada a revista, o obxectivo para esta nova etapa, apuntan os seus responsables, é avanzar na súa calidade. “Queremos recuperar os índices que tiña antes e que nunca debemos perder”, afirman. Aberta ás colaboracións de investigadores e investigadoras que desexen enviar as súas propostas, desde a revista sinalan como pretenden en cada número consolidar a calidade desta publicación e atraer firmas de figuras académicas de prestixio nas súas respectivas áreas de coñecemento.

Número 25

O número 25, correspondente ao ano 2020, está composto por 13 artigos e unha reseña que as e os seus autores presentaron a unha chamada feita pola revista. “Estamos satisfeitos porque consideramos que a resposta e a calidade dos artigos que se presentaron é boa”, indican desde Minius. Neste número, detallan, “todas as áreas teñen un espazo óptimo, destacando unha vez máis o carácter interdisciplinar da revista. Non se prioriza unha área sobre outra”. Así, os textos incluídos abordan temáticas moi diversas, desde a guerra biolóxica e química na Grecia antiga (séculos VIII-IV a.C) e a emigración galega a Venezuela ata a crise do transporte ferroviario de mercadorías en Galicia entre 1970-2010 e a Fundación Malingre de Ourense e a súa influencia europea.

Tamén hai espazo neste número de Minius para artigos sobre a historia legalista da propiedade aforada en Galicia, o modelo turístico do litoral galego desde o enfoque da oferta, o patrimonio histórico-artístico da parroquia ourensá de Santa Marta de Moreiras e o reformismo e gobernos civís na transición en Ourense. Completan esta listaxe de temas, textos sobre Ayala, a infancia abandonada en Pontevedra entre 1872 e 1931, a construción social do autoritarismo brasileiro, a creación de ficcións e o diario ABC e a comunicación no 68 mexicano. Asinan estas achegas investigadoras e investigadores de procedencia diversa pero habendo unha destacada participación de persoal docente e investigador da UVigo. Pecha o número unha reseña de María Concepción Álvarez.