DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación electrónica enmárcase no proxecto de especialización do campus de Ourense

A revista ‘Redas’ lanza un novo número potenciando a súa faciana divulgativa

Xa está aberto o prazo para a presentación de traballo para a seguinte entrega

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 12/01/2021

Un novo número, o quinto, de Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad, xa está dispoñible na rede para a súa lectura. A publicación, lanzada desde a Facultade de Dereito no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, aposta nesta nova entrega por potenciar a súa faciana máis divulgativa abrindo unha sección na que responde a diferentes cuestións de interese no eido dos recursos hídricos e o dereito.

Redas é, tal e como indican os seus responsables, “unha publicación internacional electrónica de contido xurídico e periodicidade anual especializada en auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible cuxos contidos van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias provintes do ámbito académico como do profesional”. A revista forma parte da actividade académica da Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos (Redexmar) e está dirixida por Roberto O. Bustillo, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, contando como secretaria académica con Laura Movilla, profesora axudante doutora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais. A publicación, lembra o seu director, xurdiu no ano 2015 como resultado da iniciativa de profesorado da Facultade de Dereito de Ourense.

Materiais didácticos e divulgativos

Este quinto número da revista arranca cun editorial de Roberto O. Bustillo e Laura Movilla titulado Caudais ecolóxicos e divulgación, no que ademais de presentar os contidos desta nova entrega explican o seu maior enfoque divulgativo.  Así, detallan como a publicación incorpora unha sección denominada Materiais didácticos e divulgativos “coa que queremos afondar na vocación divulgativa da revista”, lembrando como Redas foi recoñecida en 2017 cun accésit na modalidade de actividades de divulgación científica na primeira edición dos Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica do Campus da Auga. “O obxectivo desta sección é, seguindo a fórmula de preguntas e respostas, abordar e explicar diversas cuestións (pensando en estudantes de grao ou en persoas que se inician no mundo do réxime xurídico da auga e do medio ambiente) procurando sempre aunar técnica xurídica e claridade expositiva”, comentan os responsables da publicación.

As tres preguntas ás que se dá resposta de xeito divulgativo neste número de Redas son: que relación existe entre a zona de policía de augas e a zona de fluxo preferente?; que acontece cando os espazos do dominio público hidráulico non están debidamente deslindados? e que usos construtivos son admisibles na servidume para uso público?. As respostas, que teñen fundamentalmente un carácter didáctico e divulgativo, foron elaboradas por Roberto Bustillo e Iván Quintana, xefe de servizo da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Outros temas

O quinto número de Redas tamén inclúe, no apartado de Documentación Administrativa e Xurisprudencial, un texto titulado Confirmación da imposición de caudais ecolóxicos anteriores á lei de augas de 1985 e a súa indemnización, asinado por Iván Quintana. Nel dá continuidade ao tema abordado polo autor e José María Rubio no primeiro número de Redas sobre unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Castilla y León que, como explicaban os autores, “aínda que non senta xurisprudencia propiamente dita, marca un camiño ás distintas confederacións hidrográficas e demais organismos de conca para poder esixir aos concesionarios con títulos anteriores á entrada en vigor da lei de augas de 1985 que cumpran co caudal ecolóxico dos seus respectivos plans hidrolóxicos, sen que iso supoña un custe económico ás arcas do estado e, por tanto, un aforro ao contribuínte”. Nesta segunda e actualizada entrega sobre o tema, Iván Quintana comenta unha sentencia do Tribunal Supremo de 4 de marzo de 2019 que, desestimando o recurso de casación interposto pola representación procesual de Iberdrola Generación SAU, confirma a conformidade a dereito da sentencia recorrida, a citada resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Castilla y León.

Preparando un novo número

Unha vez publicado este quinto número, a revista ten aberto xa o prazo para a presentación de traballos para a seguinte entrega, a correspondente a 2022. O prazo para a recepción de traballos remata o 1 de outubro de 2021, estando dispoñibles na páxina web da publicación as normas de presentación, elección e publicación de textos.