DUVI

Diario da Universidade de Vigo

25 persoas percorrerán do 16 ao 25 de febreiro “a antiga dacia romana”

Romanía, destino dunha nova edición das viaxes de estudos arqueolóxicas

Organizada polo GEAAT e Delegación de Alumnado de Historia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 25/01/2023

Como cada ano por estas datas, alumnado e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense prepárase para a celebración da súa xa tradicional viaxe de estudos arqueolóxicos “autoxestionada, bastante alternativa, aventureira, moi participativa e a baixo custe”. Nesta ocasión, o destino elixido é Romanía, “a antiga dacia romana”, e de novo serán arredor de 25 as persoas que percorrerán parte deste país para coñecer a súa historia e cultura.

A actividade, coordinada polo profesor Fermín Pérez, está organizada polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e a Delegación de Alumnado da Facultade de Historia. A viaxe celebrarase do 16 ao 25 de febreiro, aproveitando as datas sen actividade académica arredor da celebración do Entroido en Ourense. A filosofía que inspira estas viaxes é que sexan culturalmente atractivas, centradas na temática arqueolóxica e patrimonial "pero moi diferentes dos paquetes turísticos convencionais ofertados nas axencias de viaxes". Nelas soe participar en cada edición un grupo composto tanto por profesorado como por alumnado de grao, mestrado e doutoramento, ademais dalgún egresado ou egresada.

Primeira incursión en Romanía

Ata o momento, os destinos escollidos foron en 2010 Inglaterra, en 2011 Turquía, en 2012 Alemaña, en 2013 Grecia, en 2014 Italia, en 2015 Turquía, en 2016 Bélxica, en 2017 Marrocos, en 2018 Italia, en 2019 Bulgaria, en 2020 e 2022 Turquía, non celebrándose en 2021 pola pandemia da covid-19. Polo tanto, será esta a primeira vez que as viaxes de estudos arqueolóxicas se acheguen a Romanía.

Do 16 ao 25 de febreiro as e os participantes realizarán unha viaxe que comezará e rematará na capital deste país, Bucarest, e que os levará a visitar, entre outros enclaves, as cidades grecorromanas de Histria e Tomis (Constanza) e de Tropaeum Traiani e Capidava, o castelo medieval de Bran, a igrexa fortificada de Prejmer, o campamento romano de Potaissa e a mina de sal de Turda. Tamén se echegarán a Sarmizegetusa Regia, capital e santuario nacional dos Dacios, á cidade romana de Ulpia Traiana Sarmizetegusa e á fortaleza romana de Sucidava.