DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus promoveu un acto de homenaxe no día dedicado á escritora

Rosalía, aquí e agora

Comprendeu un relatorio, unha actuación musical e a lectura dun manifesto

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Pontevedra 25/02/2021

Aquí é agora era o título do relatorio no que a escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez puxo en relación a obra e o pensamento de Rosalía de Castro con cuestións e problemáticas actuais, como a reivindicación dunha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Fíxoo no marco do acto de homenaxe coa que a Vicerreitoría do campus sumouse na noite deste mércores á conmemoración do Día de Rosalía de Castro. Dadas as limitacións de aforo ás que obriga a covid-19, o acto celebrado na Casa das Campás, que abriron as intervencións do vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, e ao que asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López, e a concelleira de Universidade e Promoción Económica, Yoya Blanco, non foi aberto ao público, que puido seguilo non obstante, a través de Campus Remoto. 

Reivindicar a figura e o legado de Rosalía de Castro, como unha autora de "carácter universal", como lembraron Soto e Agrelo, foi o obxectivo central deste acto, que arrincou coa interpretación da peza composta por José Niza para pór música ao Cantar de emigración da escritora homenaxeada, a cargo da violonchelista Susana Blanco, integrante do grupo Son Trio, que posteriormente encargouse tamén de pór peche a esta conmemoración interpretando Negra Sombra. Previamente, Reimóndez, escritora, tradutora, intérprete e doutora pola Universidade de Vigo puxo en relación o pensamento e a obra de Rosalía coas problemáticas da Galicia do século XXI e co feminismo, pondo o foco con ese obxectivo en diferentes poemas nos que a autora abordaba problemáticas como a violencia de xénero ou puña en cuestión as masculinidades e as “fronteiras do concepto mulleres”. Nese senso, Reimóndez lembrou na súa intervención o que Rosalía de Castro apuntara no prólogo de Follas Novas, no que a escritora afirmaba: “o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres”.

Este acto de homenaxe completouse así mesmo coa lectura, por parte da alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e membro da delegación de estudantes deste centro, Zeltia Pino, do manifesto que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (Aelg) fixo público con motivo desta conmemoración, un texto asinado pola autora Anna R. Figueiredo.