DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de nove quilómetros de pasarelas de madeira ao carón do río

As rutas culturais trasládanse a Aveiro para percorrer os Passadiços do Paiva

As 110 prazas dispoñibles para os tres campus xa están esgotadas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 13/03/2019

Despois de visitar Castro Leboreiro, situado no Concello de Melgaço, a programación de rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo volve a terras portuguesas. Será na celebración da novena andaina deste curso académico, que terá lugar este sábado, 16 de marzo, e que terá como escenario os Passadiços do Paiva. “Na actualidade é a xoia da coroa das rutas en Portugal”, comenta sobre este percorrido José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde o campus de Ourense.

Os Passadiços do Paiva atópanse na marxe esquerda do río Paiva, no municipio de Arouca. Trátase de arredor de nove quilómetros de pasarelas de madeira que ofrecen un paseo "sen tocar" pola riqueza natural deste enclave. A andaina que farán as e os participantes da Universidade de Vigo consta en total de once quilómetros e unha dificultade baixa. “Trátase dun percorrido moi suave, tranquilo, aínda que ten os seus recunchos, subidas e baixadas. Camiñaremos por nove quilómetros de pasarelas de madeira nun lugar de gran beleza en plena serra portuguesa”, subliña José García-Calvo.

A inscrición nesta e nas demais andainas universitarias realízase en liña. Os membros da comunidade universitaria poden facela desde 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior ao roteiro. As persoas alleas á comunidade universitaria poden inscribirse entre o martes e o xoves antes da ruta. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando por exemplo entre os 8 euros por ruta co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. “As 110 prazas dispoñibles para os tres campus da Universidade de Vigo esgotáronse nesta ocasión moi pronto. A xente ten moito interese nesta ruta”, sinala o coordinador dos roteiros universitarios. Coma sempre haberá autobuses para trasladar ás e aos participantes ao inicio de cada ruta dende os tres campus. “Haberá que ter paciencia co traxecto porque son tres horas en autobús ata chegar alí”, apunta por último José García-Calvo.