DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición viuse interrompida en marzo pola pandemia

A Sala Alterarte ábrese de novo ao público dando continuidade á mostra 'Todxs somos únicxs'

Pode visitarse ata o 23 de outubro

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 10/09/2020

Co inminente inicio do novo curso académico 2020/2021, a Sala Alterarte do campus de Ourense volve a abrir as súas portas ao público, tanto membros da comunidade universitaria como cidadanía en xeral. Faino dando continuidade á exposición Todxs somos únicxs, realizada pola artista Mónica Alonso e comisariada por Miguel Anxo Rodríguez. A mostra, inaugurada o pasado 6 de marzo neste espazo expositivo, viuse suspendida á semana da súa estrea pola declaración da pandemia e agora regresa aos muros de Alterarte.

“Como a exposición só estivo aberta ao público unha semana, entón decidimos reabrila agora, nas mesmas condicións, ata o venres 23 de outubro. Retomamos a programación cultural e nada mellor que empezar neste mes de setembro ofertándolle á cidadanía unha exposición de arte coma esta”, comenta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus de Ourense. 

A percepción cromática do alumnado

A exposición é o resultado dunha investigación desenvolvida pola creadora sobre a percepción cromática do alumnado do campus de Ourense. A artista, que leva moitos anos traballando na percepción espacial e cromática en distintos grupos culturais e sociais, buscou neste proxecto relacionar conceptos con cores e establecer así cales son as cores coas que identifican as e os estudantes unha serie de ideas, como felicidade, infelicidade, amor, odio, saúde, enfermidade, éxito, fracaso ou diñeiro. 

Para obter esta información, Mónica Alonso deseñou un cuestionario específico que trasladou a alumnado do campus coa colaboración de varios profesores e profesoras. Nel, ademais de cuestións relacionadas coa percepción cromática pedía ao alumnado que se definise a si mesmo e que describise o seu "cuarto de estudante". O cuestionario aplicouse a 191 estudantes de grao (84 mulleres e 107 homes), elixidos aleatoriamente nas titulacións de Xeografía e Historia, Educación Primaria, Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Aeroespacial, Enxeñaría Informática e Ciencias Ambientais. O cuestionario incluía tamén a opción de seguir a traballar coa creadora a través do correo electrónico, opción que escolleron 28 alumnos e alumnas, cos que a creadora, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, contactou, respondendo afirmativamente un total de 21. A artista fixo unha interpretación dos 21 cuestionarios, á que responderon once deles, que foron os que completaron o proxecto. As obras que forman parte desta exposición son a interpretación do cuestionario. 

Entre as cinco pezas que compoñen Todxs somos únicxs está a listaxe de respostas do alumnado á pregunta de en que cren que son únicos. Tamén inclúe unha serie de 40 debuxos feitos por Mónica Alonso a partir da descrición que fan as e os estudantes no cuestionario de como é o seu cuarto de estudo. Outra peza que recolle a exposición é un panel coa cor cZ12, o Pantone 307 C, que a artista considerou que era a cor “máis preferida” polo alumnado unha vez feito o proxecto e outra que ofrece varias interpretacións cromáticas froito da interacción co alumnado. Tres cadernos expostos na mostra recollen toda a documentación do proxecto.