DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode visitarse no pavillón I ata o 15 de maio

A Sala Alterarte acolle a exposición 'A céu aberto', do artista portugués Alexandre A. R. Costa

A mostra está comisariada por Sara Fuentes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 27/03/2026

Ata o 15 de maio, na Sala Alterarte, no espazo expositivo do campus de Ourense, pódese ver a exposición A céu aberto, uma exposição em devir, unha proposta do artista portugués Alexandre A. R. Costa comisariada por Sara Fuentes. A mostra foi inaugurada este xoves pola tarde por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Javier Blanco Sierra, coordinador do ciclo expositivo da Sala Alterarte; e Alexandre A. R. Costa e a Sara Fuentes. 

Auga que invade espazo e obra

A céu aberto parte dunha condición real e persistente da miña práctica artística: o atelier como espazo permeable. Un espazo onde a auga entra, se infiltra, cae do teito, atravesa paredes, rebenta a canalización, interrompe procesos e reorganiza tempos, materias e decisións”, explica o artista. Esa apertura involuntaria do seu taller de creación, e a imaxe desa fenda nun sistema de produción, engade, “enfeitizoume totalmente, desestabilizou o meu sistema de traballo, convidándoo a relacionarse directamente co real”. Deste xeito e tal e como se pode ver na obra exposta agora na Sala Alterarte, “a cuestión da auga, que invade un espazo (o atelier), deixou de ser algo que resolver con rapidez para se converter nunha condición estruturante do meu propio traballo, obrigándome, polo tanto, a convivir co inacabado, o fragmento e a suspensión como modos lexítimos do pensar e do facer artístico”.

O artista, investigador do i2ADS (Instituto de Investigação em Arte, Design e Sociedade), explica que cando pensou esta exposición para Alterarte “concibina como unha arqueoloxía viva da miña práctica: ‘escavar’ e compilar fragmentos no atelier, traballos alí interrompidos, exercicios suspendidos, restos e obxectos do cotián do atelier que puidesen coexistir nun campo entrópico activo”. Non se trata, engade, “de presentar unha retrospectiva, senón de sinalar un territorio inestable, de heteroxeneidades que conviven, rexeitando calquera síntese totalizante”. Alexandre A. R. Costa sinala que na exposición inaugurada este xoves “o espazo expositivo funciona como un auténtico champ de forces, onde a experiencia acontece a través de desprazamentos e meras aproximacións, onde se poden sentir intervalos e ausencias, aquilo que non está incorporado no dispositivo é tan constitutivo do traballo como aquilo que se presenta”.

Segundo explica a comisaria da mostra, con ela a Sala Alterarte convértese “nun lugar de encontro entre materiais, temporalidades e relacións: entre o atelier do artista e o espazo institucional, entre o facer solitario do artista e a experiencia compartida”. Ao saír do seu espazo habitual, engade, “o traballo expón tamén algo da súa propia vulnerabilidade, lembrándonos que toda práctica artística permanece sempre, dalgún modo, a ceo aberto”. Da nova proposta que acollen os muros de Alterarte, Sara Fuentes tamén destaca que “non é casual que esta exposición teña lugar en Ourense, no chamado Campus da Auga. Aquí, a auga aparece non só como tema ou metáfora, senón como elemento activo que infiltra, transforma e reorganiza os equilibrios do traballo artístico. A proposta de Alexandre A. R. Costa dialoga con ese contexto desde unha práctica que se constrúe entre fragmentos, tempos longos e procesos abertos”.

Accións artístico-pedagóxicas

A céu aberto tamén propón a posibilidade de realizar accións artístico-pedagóxicas dirixidas a estudantes universitarios e a públicos interesados e como mostra das súas posibilidades este xoves, alumnado da Facultade de Belas Artes da Universidade de Porto, onde o artista é profesor, e alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, co profesor Nacho García á cabeza, realizaron unha desas accións, un obradoiro no que traballaron arredor da proposta creativa de Alexandre A. R. Costa.