DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase da exposición do fotógrafo Tono Arias ‘Do, Re, MiRa, Sol, La, Si’

A Sala Alterarte arranca a súa programación de 2026 cunha mostra sobre o que acontece na “periferia” da rapa das bestas de Sabucedo

Pode visitarse ata o 13 de marzo no pavillón I do campus

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 22/01/2026

A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, arrancou este xoves a súa programación de 2026 coa apertura da exposición Do, Re, MiRa, Sol, La, Si. A mostra recolle unha serie fotográfica realizada polo artista e fotógrafo Tono Arias arredor da celebración da rapa das bestas na aldea galega de Sabucedo ao longo dos últimos anos. 

A primeira fin de semana de xullo, explica o fotógrafo, desenvólvese alí a famosa rapa das bestas. Porén, detalla, “a capacidade para poder ver o espectáculo é limitado e a xente que non pode entrar intenta mirar dende algún lugar o que acontece no curro”. Deste xeito, as fotografías expostas amosan como xente diversa busca opcións para ese intentar mirar, subidas a árbores próximas ou detrás das vaias. “Sempre tiven interese pola periferia, o que acontece no que rodea o que se supón que é o suceso relevante (o que se denomina en fotografía instante decisivo), nesa zona de suposta apatía visual está o que eu considero o punctum do meu traballo, o silencio”, detalla Tono Arias.

O proxecto Do, Re, MiRa, Sol, La, Si, sinala o se autor, “quere ser un ensaio fotográfico-musical: un retrato amplo da sociedade na que vivimos e das súas múltiples identidades”. Deste xeito, engade, “proponse como unha visión subxectiva do real, mais tamén como un experimento cargado de sentido do humor, un xogo constante entre a realidade cotiá e o fantástico, entre o máxico e o real, que se achega ao realismo máxico”. A fotografía, engade, “é unha canción conxelada, mentres que unha canción e unha imaxe sonora que se despregan no tempo, ambas capturando 'imaxes' da vida”. 

A exposición, organizada pola Vicerreitoría do Campus de Ourense ao abeiro do convenio coa Deputación de Ourense, pode visitarse de balde no pavillón I do campus ata o 13 de marzo, seguindo o horario de apertura académico. A proposta de Tono Arias dá ademais continuidade ao ciclo expositivo Mutacións inestables (Mesturar disciplinas-romper categorías), coordinado polo tamén artista Javier Blanco Sierra.

Fotografía e arte

Tono Arias (Allariz, 1965) é fotógrafo de prensa e documental desde o ano 1984 e traballou en diversos medios de comunicación así como tamén en revistas de información xeral. A partir do 2006 inicia unha nova etapa como fotógrafo independente, poñendo en marcha un estudo de fotografía onde realiza diferentes traballos profesionais no ámbito da fotografía industrial, publicidade, moda, arquitectura, editorial e documental. Ten desenvolvido diferentes proxectos web e eventos arredor da fotografía, comisariado exposicións e participado como autor en mostras individuais e colectivas, así como publicado fotolibros, “sempre traballando temas próximos e universais acerca do territorio e da xente que o habita”. Actualmente forma parte de A Colectiva, asociación de artistas de Galicia.