DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da artista Florencia Caiazza e a comisaria Sara Donoso

A Sala Alterarte comeza a súa programación de 2023 coa mostra 'Saír á superficie'

No marco do ciclo expositivo 'Activar a mirada, des-ordenar o pensamento'

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 13/01/2023

A Sala Alterarte do campus de Ourense arrancou este venres a súa programación de 2023 coa inauguración da exposición Saír á superficie, da artista Florencia Caiazza e comisariada por Sara Donoso. Nela, a creadora emprega de xeito artístico ferramentas, técnicas e materiais que habitualmente se empregan na montaxe dunha mostra para dar protagonismo á propia memoria do espazo expositivo e ás súas características.

Na súa inauguración, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, destacou o interese da mostra facendo fincapé en que se trata dun proxecto pensado especificamente para a Sala Alterarte, sala que, unha vez máis, se transforma coa chegada dunha nova proposta artística. A vicerreitora salientou igualmente a dimensión internacional da artista escollida nesta ocasión, cuxa traxectoria se desenvolve principalmente entre as cidades de Bos Aires e Berlín. Saír á superficie, indicou pola súa banda a súa comisaria, Sara Donoso, dá continuidade ao ciclo expositivo desta sala Activar a mirada, des-ordenar o pensamento, posto en marcha o pasado curso académico e que “aposta por visibilizar artistas mulleres que nos traen diferentes formas de ver a realidade e que teñen en común o seu carácter de investigación, ter unha ollada inqueda”.

Dúas instalacións combinadas

A artista Florencia Caiazza agradeceu a oportunidade de poder traballar e expor “nun espazo fermoso e moi singular” como a Sala Alterarte. A súa calidade de “nómada”, apuntou, fíxolle ter moitos talleres e casas en pouco tempo “e cando os espazos se atopan baleiros un realmente presta atención ao espazo mesmo e aí aparecen as pegadas, os furados, as marcas do que houbo antes”. Habitualmente, lembrou a artista, entre mostra e mostra “as salas branquéanse para dar a benvida á próxima exposición”. Porén, a súa intención en Alterarte, dixo, “foi non levar o espazo ao punto cero senón traballar coa exposición anterior, dándose a grande e fermosa casualidade de que a mostra anterior tiña moitos furado e moito traballo na parede”. A forma curva das esquinas do solo do espazo e as acumulacións de cor atopadas ao lixar as súas paredes, engadiu, supuxeron tamén unha oportunidade para a creación artística, salientando como no seu conxunto “foi fermoso atopar moito sobre o que traballar” nesta intervención no campus de Ourense.

Segundo explicou a comisaria da exposición, esta consta de dúas instalacións. Por unha banda, están unha serie de pezas de xeso colocadas nos muros de Alterarte que proceden dunha serie anterior da artista e “nas que utiliza materiais que habitualmente quedan nun segundo plano, no senso de que non son materiais artísticos, como o xeso ou a espátula, pero aos que ela lle dá unha identidade artística e estética”. Nestas placas de xeso Florencia Caiazza traballou realizando incisións con espátula, lixándoas, aplicando masilla e outros materiais, etc. O po resultante dese traballo pode verse na mostra ao pé das propias obras, coas súas diferentes cores.  

Unha vez na sala, comentou a comisaria, a creadora adaptou a súa linguaxe ao propio espazo expositivo, tendo en conta a súa arquitectura, a súa historia, etc e as pezas colocadas nas paredes “dialogan directamente cos furados da sala das anteriores mostras, querendo facer visible a historia, a memoria previa” da sala. Deste xeito, detallou, as pezas “combínanse cunha serie de intervencións pictóricas sobre as paredes tamén feitas con materiais de construción e adaptadas ao espazo”. As cousas que normalmente se retiran tras a montaxe dunha exposición e que se ocultan, apuntou Sara Donoso, Florencia Caiazza quere visibilizalas, como o po de cando se lixa unha parede. Froito deste traballo, a mostra, indicou a súa comisaria, ten varias “capas de lectura”, por unha banda unha lectura froito dun percorrido xeral e por outra unha lectura máis profunda no que se fan “achados que teñen que ver por exemplo coas exposicións anteriores, saíndo cores das paredes lixadas que proceden de artistas anteriores que expuxeron en Alterarte”.   

Biografía

Florencia Caiazza (Bos Aires, 1982) interésase por analizar as posibilidades da materia e da cor a través dunha linguaxe onde conflúen diversas disciplinas, e ten na práctica escultórica o seu campo de acción principal. Formouse na Escola Superior de Artes Regina Pacis e no Programa para artistas da Universidade Torcuato Dei Tella en Bos Aires, Arxentina. Participou en mostras individuais e colectivas en espazos como o Museo de Arte Contemporánea da Coruña ou o HfBK Dresden (Academia de Belas Artes, Alemaña) e formou parte de residencias artísticas nacionais e internacionais. Entre os recoñecementos ao seu traballo destacan o Premio Bolsa Nova Kenneth Kemble (2017), o primeiro premio en CALL XVIII da Galería Luis Adelantado (2016, Valencia), o segundo premio e mención no Concurso Fundación Williams (2105/2016) e unha mención na Bienal Premio Federal (2019) e no Salón Nacional de Rosario (2014).