DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Patrón das facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química

San Alberte chega ao campus cargado de actividades culturais

Ao longo de toda a semana haberá exposicións, charlas, magosto, entrega de premios…

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Charlas e seminarios
  • Divulgación
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI 12/11/2024

As facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química celebran esta semana a festividade do seu patrón, San Alberte, e fano cun amplo programa de actividades aberto á participación de toda a comunidade universitaria. Ao longo de toda a semana o edificio de Ciencias Experimentais, que acolle os tres centros, convértese nunha particular sala de exposicións e auditorio con charlas de distintos especialistas sobre temas de actualidade.

As actividades arrancaron onte luns coa xa tradicional exposición de cogomelos, organizada pola spin-off da UVigo MycoGalicia Plantae, no vestíbulo principal do edificio, á que este ano se suma unha nova alternativa, a mostra itinerante Golfiños na proa, organizada con material cedido pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, Cemma, exposto tanto no vestíbulo como no salón de actos. Inclúense 12 paneis explicativos dos mamíferos mariños, nos que se trata de responder a múltiples preguntas -De que se alimentan as baleas? E os cachalotes? Onde teñen o seu hábitat natural as toniñas e os arroaces?, etc.- e diferentes pezas, desde unha costela cunha balea común ata o cranio dunha toniña ibérica, dun golfiño común ou dunha tartaruga de coiro.

Ao igual que as exposicións, as charlas tamén arrancaron onte luns, neste caso cun relatorio da profesora, xa xubilada, da Universidade de Vigo Marisa Castro, quen afondou na dobre condición dos cogomelos: medicamento vs complemento alimenticio.

A celebración principal será este xoves

O día grande da celebración de San Alberte será o vindeiro xoves día 14. As actividades arrancarán ás 12.30 horas no salón de actos coa charla Cetáceos varados na incomprensión humana, impartida polo biólogo especializado en cetáceos Alfredo López Fernández, membro de Cemma. Unha vez rematada a charla, celebrarase a entrega de premios da 21ª edición do Concurso de Fotografía Científica, convocado ao abeiro desta celebración e que repartirá un  1º premio de 250 euros; un 2º de 150 euros, e tres terceiros de 100 euros cada un.

A partir deste momento a festa trasladarase ao exterior cun magosto e diferentes actividades lúdicas organizadas polas delegacións de alumnado dos tres centros implicados na celebración.