DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Regresa ao campus no que se graduou e faino cunha bolsa Starting Grant

Sara Varela incorpórase á UVigo cunha nova liña de investigación sobre os procesos de evolución e extinción nos últimos 540 millóns de anos

O proxecto MAPAS, cun orzamento de 1,5 M€, combina bioxeografía, bioloxía evolutiva e paleontoloxía

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/03/2021

Tras case 20 anos desenvolvendo a súa carreira investigadora en diferentes países de Europa e América, Sara Varela regresa á Universidade na que se graduou en Bioloxía, e faino cunha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). O orzamento desta axuda, de 1,5 millóns de €, permitiralle desenvolver durante cinco anos o proxecto Mapas_Lab, unha nova liña de investigación dentro do Grupo de Ecoloxía Animal que ten como obxectivo entender “onde aparece e desaparece a biodiversidade ao longo do tempo”. Trátase, remarca, de “xerar mapas paleoclimáticos para os últimos 540 millóns de anos, e, en paralelo, programar un modelo que simule os mecanismos de diversificación da vida, baseándome nos coñecementos actuais sobre os procesos de especiación e extinción”.

Unha nova liña de investigación para a UVigo

Varela incorpórase ao Grupo de Ecoloxía Animal, do Centro de Investigación Mariña, como investigadora distinguida e abrirá unha nova liña de traballo que combinará a bioxeografía coa bioloxía evolutiva e a paleontoloxía. “Na UVigo traballan equipos de paleontoloxía, de ecoloxía, de bioloxía evolutiva... máis non co enfoque teórico que vamos a ter no noso grupo”, remarca. A través do proxecto Mapas_Lab afondará nos procesos de evolución e extinción nos últimos 540 millóns de anos, estudando como interactúan o clima, a xeografía e a vida, modificándose uns a outros. “Imos tentar crear un modelo para predicir no espazo onde aparecen e desaparecen as especies ao longo do tempo. É dicir, imos tentar facer mapas dos procesos que xeran diversidade”. Para isto, o seu equipo vai colaborar co Potsdam Climate Institute de Alemaña, así como con diferentes investigadores do Reino Unido, Brasil e Bélxica. Recoñece que se trata dun reto “moi ambicioso” pero as convocatorias Starting Grant están destinadas a “proxectos na fronteira do coñecemento, así que os obxectivos deste tipo de axudas sempre son arriscados. Non se trata de facer algo que xa sabemos que podemos facer, trátase de explorar camiños novos”. 

A investigadora agarda que no prazo dun ano o seu equipo, que xa traballa en Citexvi, conte con entre sete e dez investigadores. Polo de agora son xa cinco: Elena Gil, xestora de proxecto; Sofía Galván, investigadora predoutoral que estudará os efectos dos cambios climáticos do pasado na disposición dos ecosistemas e os patróns de biodiversidade; Graciela Sotelo, investigadora posdoutoral, que traballará na fronteira entre bioloxía evolutiva e ecoloxía de comunidades, e Alfio Chiarenza, investigador posdoutoral, que estudará a bioxeografía dos ecosistemas do mesozoico. 

Sobre o Grupo de Ecoloxía Animal ao que Varela se incorpora, valora moi positivamente a súa interdisciplinariedade. Traballan de xeito moi activo no estudo da interacción entre o ambiente e os animais e conta con “investigadores xa consolidados, máis tamén investigadores novos, como por exemplo tres Ramón y Cajal que están abrindo liñas de investigación punteiras e con moito potencial de futuro”, recoñece.

O papel do clima na evolución das especies

Se dos fondos mariños se estima que só se coñece o 5%, pode que co paleoclima e cos procesos evolutivos suceda algo semellante. De feito, Varela explica na web no laboratorio que “dende Darwin e Mendel, comezamos a comprender como se selecciona e se herda a diversidade. Non obstante, onde e por que se orixina e desaparece a biodiversidade son preguntas fundamentais aínda por responder”. Para buscar respostas, o proxecto MAPAS non se vai centrar no estudo de zonas xeográficas ou de especies en concreto, senón que a idea é “traballar a nivel global e con grupos grandes, como poderían ser os vertebrados, por exemplo”. E é que como recalca a investigadora, a idea non é coñecer mellor o que lle pasou a una especie en concreto, “senón comprobar ata que punto entendermos os procesos que xeran diversidade, e se o clima é un dos factores claves na evolución das especies, ou non”. 

Varela explica que actualmente existen moitos máis equipos traballando en como será o clima no futuro que en como foi o clima no pasado. “Isto significa que os modelos paleoclimáticos para o Fanerozoico (os últimos 540 millóns de anos) aínda teñen unha resolución espacial moi grosa, por exemplo”. É dicir, engade, “podemos facer mapas de onde estarían os desertos, ou como de grandes serían eses desertos, máis os límites deses desertos non serán moi precisos (o tamaño dun píxel pode ser como media Europa)". Polo tanto, “aínda queda moito traballo por facer e moitas preguntas para poder seguir investigando, sobre todo no coñecemento da evolución da vida na Terra no pasado”. 

Tras 20 anos, de volta a Galicia

Valera comezou a súa carreira investigadora como paleontóloga de campo, traballando en Gran Dolina, Atapuerca, para despois colaborar noutras excavacións en España, Uruguai e República de Xeorxia. Realizou o doutoramento no Museo Nacional de Ciencias Naturales (CSIC) centrándose no evento de extinción da hiena manchada en Europa, relacionando esta extinción cos ciclos glaciais-interglaciais pasados. Tras pasar pola Universidad de Castilla La-Mancha, en Toledo, en 2012 trasladouse a Praga para continuar analizando as extincións do Pleistoceno. En 2015 regresou a España, en concreto á Universidad de Alcalá de Henares, para logo irse a Berlín, ao Museum für Naturkunde, cunha bolsa Humboldt.

Sobre ese periplo que a afastou de Galicia durante 20 anos, recoñece que lle serviu para aprender “en cada país, en cada cidade e en cada equipo de traballo”. Foron experiencia ben diferentes, lembra, xa que “os problemas do día a día son diferentes en Goiania (Brasil), onde vivín 6 meses, que en Berlín, onde vivín 5 anos”. Se ben no primeiro caso, “a conexión a internet ou a electricidade faltaban ás veces durante horas”, esta foi “unha das miñas mellores experiencias laborais, compartindo despacho con investigadores moi produtivos e nun ambiente de traballo divertido e inspirador”. De Alemaña a aprendizaxe foi ben distinta, recorda. “Ata que cheguei a Berlín nunca tivera diñeiro para investigar e nunca puidera pensar a largo prazo” e iso permitiulle non só traballar dun xeito máis relaxado, senón tamén asistir a congresos, contratar a estudantes, etc. “Comecei a plantexarme como estabilizarme e como conseguir ter o meu propio equipo de traballo”. Agora, tras 20 anos regresa a Galicia e recoñece que “vai ser un cambio grande de novo” pero un cambio que le fai “moita ilusión”.