DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da Universidade gañou o concurso Space Universities Cubesat Challenges (SUCC)

O satélite BIXO de UVigo SpaceLab será enviado ao espazo en 2024 pola Academia China de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento

A Federación Internacional de Astronáutica e Sociedade China de Astronáutica organizan a competición

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Internacional
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 21/09/2022

O nanosatélite BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit), que están a desenvolver preto de 40 estudantes da Universidade de Vigo, integrados en UVigo SpaceLab, será enviado ao espazo no ano 2024 nun lanzamento operado pola China Academy of Launch Vehicle Technology (Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento). A confirmación producíase esta tarde en París, ante máis de 6500 delegados e delegadas que asisten á 73ª edición do International Astronautical Congress (IAC) 2022, o principal encontro anual da International Austronautical Federacion (IAF), no que empresas líderes mundiais presentan, entre os días 18 ao 22 de setembro, as súas novidades, ao tempo que se desenvolven sesións plenarias, conferencias e reunións. Ao abeiro do congreso, hoxe facíase pública a resolución da primeira edición do IAF-CSA Space Universities CubeSat Challenge (IAF-CSA SUCC), o concurso organizado pola IAF en cooperación coa Chinese Society of Astronautics (CSA) e a Dalian University of Technology (DUT) para o lanzamento gratuíto dun cubesat. Universidades de todo o mundo participaron no concurso que finalmente recoñeceu como mellor deseño de misión para a súa posta en órbita a BIXO, de UVigo SpaceLab, que será lanzado ao espazo no ano 2024 a bordo dun foguete Long March ou Smart Dragon Series, operado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento e que se converterá no quinto nanosatélite enviado ao espazo por alumnado da UVigo.  

Os estudantes Manuel Diz, Guillermo Calvo e Martín Blanco, xunto ao docente e investigador Fernando Aguado foron os encargados esta en tarde en París de recoller e agradecer un premio que, inclúe ademais do lanzamento gratuíto a cantidade de 3000 euros, e que consideran “o impulso que nos faltaba para dar o paso e así consolidar a misión, máis aínda tendo en conta que o custo estimado dun lanzamento establécese arredor dos 180.000 euros. Así logramos ter o proxecto pechado con data de lanzamento en 2024, o que supón tamén unha visión máis atractiva para os patrocinadores e o alumnado da UVigo”, sinala o director do proxecto, Manuel Diz, que lembra que BIXO será o portador da segunda misión biolóxica europea. Logo de sete misións biolóxicas en pequenos satélites, seis da NASA e unha da ESA, todas en satélites de maior tamaño, 3UDs (10 x 10 x 30 cm) en formato cubesat, “a nosa misión será de 2UDs (10x 10 x 20 cm), o que supón un gran reto, xa que ata agora non houbo ningún desenvolvemento completo dun pequeno laboratorio espacial nun satélite tan pequeno, por iso dicimos que é a misión máis compacta lanzada desde Europa e, que saibamos, a máis pequena do mundo”, explica Diz. 

Mellorar a investigación científica en astronáutica entre o alumnado universitario

Co lema CubeSat, unha plataforma para a verificación de novas tecnoloxías e a cooperación internacional, o concurso Space Universities CubeSat Challenge naceu o pasado ano cos obxectivos de fomentar o pensamento innovador do alumnado universitario; mellorar na capacidade de investigación científica na astronáutica, a combinación de teoría e práctica e de resolución de problemas prácticos de enxeñería e popularizar o coñecemento espacial e o apoio a talentos innovadores. “Foi a través dunha publicación da IAF (Federación Internacional de Astronáutica) a mediados de 2021 que soubemos que estaban organizando este concurso por vez primeira. Ao ver a oportunidade non dubidamos en presentarnos, porque vimos a ocasión de lanzar a nosa misión pasando por un proceso menos burocratizado que o que ofrecían outras axencias”, sinala o director da misión BIXO.

Máis aló do premio outorgado hoxe aos integrantes de UVigo SpaceLab, a presenza viguesa no International Astronautical Congress (IAC) 2022 complétase nesta edición do congreso con varias das empresas patrocinadoras da misión do nanosatélite BIXO, como Alen Space, centrada no desenvolvemento, tanto de software, como de hardware para satélites, e DHV Technologies, subministrador de paneis solares e sistemas de adquisición, almacenamento e distribución de potencia para satélites. “Tamén asistimos a poñencias técnicas sobre últimas novidades de empresas e proxectos do sector aeroespacial, como a do propio catedrático da UVigo Fernando Aguado sobre a recuperación do satélite Humsat-D ou a de Uxía García centrada no seu traballo de doutoramento sobre a análise termoelástica para cargas de pago ópticas de alto rendemento”, detalla o director de BIXO.

38 membros e un novo departamento en UVigo SpaceLab

Dous anos despois de empezar a traballar no laboratorio de deseño, fabricación e validación de nanosatélites de formato cubesats, UVigo SpaceLab incorpora este curso que acaba de comezar alumnado de diferentes graos (Enxeñería da Enerxía, Enxeñaría Informática, Bioloxía, Administración e Dirección de Empresas.. ), que se suma ao estudantado das enxeñarías de Telecomunicación, Aeroespacial ou Industrial que xa participaban antes no proxecto. “Con esta ampliación, levada a cabo durante o verán, o equipo pasa agora a estar formado por 38 estudantes”, confirma Manuel Diz, que tamén apunta a creación dun novo departamento “que se encargará de manter o pequeno laboratorio biolóxico en órbita, deseñando os chips e sistemas microfluídicos que permitirán realizar os experimentos necesarios, inxectando doses precisas de auga a través dun sistema de canais milimétricos”.

Durante o verán, o equipo continuou a traballar probando os sistemas de medición do fenómeno bacteriolóxico do quorum sensing, que se produce cando bacterias como Chromobacterium violacium, se multiplican e sintetizan autoinductores que, ao chegar a un determinado umbral de concentración, desencadean un fenómeno de comunicación intercelular dando como resultado un pico na súa resposta en frecuencia a 590 nm pola síntese dun pigmento, a violaceina, de cor violeta; ademais de ensaiar con diferentes chips microfluídicos e medir a pigmentación, empregando espectrómetros de tamaño moi reducido nas instalacións do Grupo de Química Coloidal da UVigo. “Para o futuro da misión en Terra continuamos a traballar na posta a punto da estación terrea xunto á da UVigo, que nos está a dar o seu apoio para a reforma deste centro de control e seguimento de satélites desde o que operaremos, tanto BIXO, como as nosas futuras misións”, avanza Diz, para o que empregarán a antiga antena parabólica de seguimento de satélites meteorolóxicos NOAA, grazas a súa reconversión a banda S, realizada polo alumnado, o que permite velocidades de descarga de datos moito máis elevadas.

Formación internacional na ESA Academy 

O premio Space Universities CubeSat Challenge entregado esta tarde en París non é o único recoñecemento recibido polos integrantes de UVigo SpaceLab nos últimos tempos. E é que en Bélxica, no ESTEC Galaxia, o alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Iván Trasobares, está a recibir unha formación por parte da ESA Academy da Axencia Espacial Europea en operacións en aeronaves combinado co deseño de misións espaciais e subsistemas de satélites. “Para poder recibir esta formación de catro días xunto a compañeiros doutras nacionalidades, Iván presentouse á convocatoria pública na que competiu con universitarios europeos”, explica Manuel Diz, que avanza que todo o coñecemento adquirido polo seu compañeiro, trasladarase ao equipo para mellorar o desenvolvemento das súas misións, como xa ocorrera coa formación recibida pola proposta da súa primeira misión teórica OLLO.