DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto ‘Edukasano’, que desenvolve ao abeiro dun convenio co Concello

A saúde e o Camiño de Santiago centran as propostas didácticas do grupo Gies-10 para todos os centros de ensino de Marín

Deseñáronse actividades para todos os niveis, de infantil e bacharelato

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 09/11/2021

Desenvolver unha intervención educativa que englobe o fomento dos hábitos saudables co traballo das competencias propias de cada educativa e que á súa vez tome como punto de partida o contexto social e cultural de Marín é o propósito central do proxecto Edukasano, que o grupo de investigación Gies-10 desenvolve ao abeiro dun convenio co Concello. Con eses obxectivos, as e os integrantes deste grupo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte deseñaron unidades didácticas para cada nivel educativo, desde infantil ata bacharelato, que teñen no Camiño de Santiago un dos seus eixos temáticos e que este martes presentaron aos directores e directoras dos 13 centros de ensino do municipio.

“Os obxectivos destas unidades son fundamentalmente a creación de hábitos saudables e o desenvolvemento do espírito crítico do alumnado, sempre a través de metodoloxías activas ou de aprendizaxe-servizo”, salientou a catedrática Margarita Pino, coordinadora do grupo Gies-10, na presentación que tivo lugar no Concello de Marín. Como un “traballo en equipo”, que suma tanto aos investigadores e investigadoras da UVigo como ao persoal dos centros participantes definiu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, este proxecto centrado “na actividade física e na saúde”, nun acto que abriu a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, pondo en valor “a implicación e boa disposición” dos equipos directivos dos centros.

Un “proxecto piloto” que abrangue todo o municipio

Co “liderado do profesorado, o apoio das familias, a innovación tecnolóxica e a utilización de metodoloxías activas” como eixos, este proxecto propón aos diferentes centros levar a cabo unhas propostas didácticas que teñen como núcleo a saúde, pero que se deseñaron tamén co obxectivo de traballar as competencias recollidas nos currículos de cada etapa na nova lexislación, explicou Pino. A idea do grupo Gies-10 é que, coa implicación dos centros, Marín poida converterse nun “referente educativo”, unha das primeiras localidades de España, sinalou, en levar a cabo “un proxecto con metodoloxías activas e traballo por competencias”, de xeito conxunto. Nese senso, o grupo Gies-10 proxecta que esta experiencia “piloto” faga posible posteriormente solicitar un “proxecto europeo no que se impliquen máis centros de toda Galicia”.

Propostas vinculadas ao Camiño

Máis aló desta presentación, o grupo Gies-10 manterá unha serie de xuntanzas co profesorado dos diferentes centros co obxectivo de presentarlles as unidades deseñadas e obter tamén “un feedback” que permita posteriores modificacións dos materiais. Como explicou Pino, deseñouse unha unidade para cada curso, todas elas coa saúde como núcleo e partindo da idea de “utilizar os recursos de Marín como estratexia para a aprendizaxe”, o que levou que tanto a contorna natural do municipio como o Camiño de Santiago se convertesen en eixos temáticos das propostas.

Así, as unidades deseñadas para infantil céntranse fundamentalmente en tres áreas, “a relaxación e a respiración a través do mindfulness, a xeometría e a expresión plástica e musical”, á vez que vinculan a ruta xacobea co camiño Kumano Kodo xaponés. No caso de primaria, deseñáronse unha serie de propostas “arredor do Camiño de Santiago e de Marín como contorna natural”, coas que se busca que nenos e nenas poidan “ir traballando matemáticas, lingua, ciencia...”,  explicou Pino.

No referido a secundaria, onde se buscaban xa propostas que "conxugasen o conceptual co procedimental", para primeiro curso deseñouse unha actividade centrada no “libro-obxecto”, mentres que a de segundo terá como eixo unha scape room, que lles leve a ir resolvendo pistas vinculadas a diferentes materias. A unidade de 3º da ESO ten como eixo a creación “dun evento medieval en Marín”, mentres que a proposta para cuarto céntrase en traballar na promoción da "candidatura de Marín á mellor vila europea". Por último, a unidade relativa a primeiro de bacharelato ten como eixo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Segundo explicou Pino, o obxectivo é que, unha vez abordadas cos centros, estas unidades didácticas, que implicarían dúas semanas de traballo, poidan pórse en práctica no segundo trimestre. Por outra banda, como “un dos piares básicos” do proxecto “son as familias e o medio”, o grupo deseñou unha serie de obradoiros vinculados tamén ao camiño e dirixidos “a traballar en comunidade”. Concretamente, Edukasano abrangue oito propostas de actividades para facer camiñando, outras para facer en bicicleta e tres máis “ligadas ao mar, para facer navegando”, que os centros poderían levar a cabo como actividades extracurriculares e para as que se buscará “a colaboración de distintas asociacións”.

Avaliando a situación de cada centro

Esta serie de propostas realizáronse a partires dunha “primeira diagnose” da situación de cada centro. Mais, de xeito paralelo, o grupo traballa tamén, a través dunha serie de cuestionarios, nunha “avaliación máis rigorosa” que permita coñecer máis a fondo “as competencias que ten o alumnado” de cada un dos centros participantes.