DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixida a “celebrar o que nos define como Campus Crea”, terá lugar do 19 ao 23 de abril

Saúde, sustentabilidade e deporte, na Semana da Creatividade e da Innovación 

Acollerá un ciclo de conferencias e unha exposición

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/04/2021

Un ciclo de conferencias centradas na economía ecolóxica, a alimentación saudable e a fisioterapia oncolóxica, xunto cunha exposición que ten como eixo temático os Xogos Olímpicos conforman o programa da Semana da Creatividade e da Innovación, unha iniciativa que busca servir “como celebración da nosa identidade como campus”, segundo salienta o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto. Coincidindo coa conmemoración, o día 21 de abril, do Día Mundial da Creatividade e a Innovación, o campus acolle cada ano unha serie de actividades que buscan pór de relevo “o que nos define como Campus Crea e a importancia que a creatividade e innovación teñen para o desenvolvemento da sociedade”. 

Non obstante, a situación sanitaria obriga a que neste 2021 esta sexa unha “celebración bastante cometida”, como recoñece Souto. Dado a que este evento "ten que ter como principal obxectivo o alumnado” e as limitacións que en materia de reunións implica a covid-19, optouse por unha proposta de actividades “bastante sinxela, pero interesante, xa que consideramos que se trata dunha celebración coa que era importante continuar”. 

Alimentación saudable e economía sustentable

Por unha banda, o programa da Semana da Creatividade e da Innovación engloba un ciclo de conferencias, abertas ao público e patrocinadas polo Consello Social da Universidade de Vigo, que poderán seguirse tanto de xeito presencial, coas obrigadas limitacións de aforo, como a través de Campus Remoto. O primeiro destes relatorios terá lugar o vindeiro luns na Facultade de Fisioterapia e correrá a cargo de Marta Gómez Nicolás, do centro Oncowellness de Madrid, que abordará o labor que pode realizarse desde a fisioterapia na rehabilitación de pacientes afectados por un cancro. O xoves 22, Ciencias da Educación e do Deporte acollerá unha conferencia do nutricionista Jorge Ascariz, “que dentro da política do campus de fomentar hábitos saudables, achegaranos unha serie de pautas para unha alimentación saudable”, explica Souto. Por último, o venres 23, o profesor Xavier Simón, responsable do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia (GIEEAH) da Universidade de Vigo, ofrecerá nesta mesma facultade un relatorio titulado Economía ecolóxica, novas ideas para a sustentabilidade.

As tres conferencias poderán seguirse de xeito virtual no seguinte enlace, empregando o acceso para estudantado e o contrasinal Ky8fRT.

As sedes das Olimpíadas

No marco desta semana, a sala de exposicións da Vicerreitoría acollerá a partir do luns a exposición 12+1. Os Xogos Olímpicos nos últimos 50 anos, do deseñador gráfico Carlos David Illescas Vacas. Organizada coa colaboración do Centro de Estudos Olímpicos da Universidade de Vigo, esta mostra reúne unha serie de imaxes nas que Illescas presenta a súa interpretación das doce cidades que foron sede dos Xogos no último medio século, xunto cunha décimo terceira, Toquio, que teríao sido en 2020 de non ser pola covid-19, que obrigou a adialos ao presente ano.

Outras iniciativas

O programa desta conmemoración complétase con dúas iniciativas que “non son específicas da semana, pero que encaixan dentro do seu espírito e no do campus”, como salienta Souto. Trátase, por unha banda, dos Premios Crea-Creatividade e Innovación, organizados tamén xunto co Consello Social, que recoñecerán as obras realizadas conxuntamente por alumnado de cando menos dous dos ámbitos de coñecemento do campus e, por outro, da participación da Universidade no reto 30 días en bici de Ciclogreen, dirixido a fomentar que a comunidade universitaria empregue a bicicleta nos seus desprazamentos ao campus.

Programa da Semana da Creatividade e da Innovación