Agochado na Biblioteca Nacional de Madrid, un grupo de investigadores do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade vén de descubrir un manuscrito en galego datado no primeiro terzo do século XVIII. O texto, titulado Ystoria dela Santa Yglesia de Iria Flavia y translacion ala compostelana, ofrece un percorrido por diversas etapas da historia de Galicia, “dende a chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Iria ata o reinado de Xoán II e o arcebispado de Don Xoán de Cerezuela, en Compostela”, explica Camiño Noia, directora do departamento.
A importancia deste achado convérteo nunha nova e importante ferramenta de traballo tanto para filólogos como para historiadores e axuda a arroxar luz sobre os séculos escuros da literatura galega. A súa importancia radica, segundo Noia, “en que está escrita no primeiro terzo do século XVIII, nos séculos escuros na literatura galega, unha etapa practicamente erma para as nosas letras”.
06/11/2009