O 77,1% do alumnado internacional que realizou unha estadía na Universidade de Vigo o curso pasado recomendaría, sen dubidalo, esta universidade nos seus países de orixe. É un dos datos que aparece reflectido no volume Estudo sobre a experiencia académica dos estudantes internacionais na Universidade de Vigo, un traballo promovido polo Tribunal de Garantías co que se pon sobre a mesa unha radiografía detallada da calidade do ensino impartido a este tipo de alumnado, “que cada vez ten máis peso no seo da comunidade estudantil universitaria”, subliñou Luis Espada, presidente do tribunal.
O estudo, primeiro que se publica en España destas características, fai un debuxo sobre o perfil global do alumnado estranxeiro, 80% Erasmus, pero tamén procedente de moitos outros países, “de feito recibimos alumnos dos cinco continentes”, apuntou durante a presentación o reitor, Salustiano Mato.
05/10/2010