A festividade do San Tomé de Aquino converteuse este ano nunha firme defensa da lingua galega como principal legado para as futuras xeracións deste país. A denominada “gran festa do mérito académico”, en palabras do reitor Alberto Gago, serviu tamén de merecida homenaxe para os mellores titulados e tituladas da institución.
A enorme riqueza que representa o patrimonio lingüístico foi o fío condutor dunha cerimonia que tivo como convidado de excepción ao catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Carlos Moreno Cabrera, un dos especialistas máis recoñecidos a nivel nacional en temas de tipoloxía sintáctica, semántica, clasificación lingüística e situación e evolución das linguas. Na súa intervención puxo en entredito o prexuízo de que “para entenderse hai que falar a mesma lingua” xa que, desde o punto de vista lingüístico, “non atopamos ningún fundamento para esta afirmación”.
- Juan Carlos Moreno Cabrera: "Non me parece adecuada a utilización do predominio do español para minusvalorar as demais linguas que non se consideran comúns"
- Alberto Gago: "Formación, investigación e talento son os camiños polos que queremos transitar"
30/01/2009