“Comprométome a respectalo e executalo, que non é pouco. É un compromiso firme que implica obrigas, prazos e obxectivos”. Este foi o compromiso adquirido polo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, en relación co Plan Estratéxico que hoxe foi aprobado polo Claustro tras un proceso de elaboración de case ano e medio e no que participaron máis de cen membros da comunidade universitaria agrupados en comisións e no que tamén se tiveron en conta suxestións chegadas de fóra da Universidade.
O Plan que contempla para este ano 2008 a elaboración dun total de nove plans operativos en ámbitos como a I+D+i, formación, xestión, imaxe e comunicación, igualdade ou sustentabilidade ambiental, establece unha decena de metas estratéxicas entendidas estas como “o norte que debe guiar as actuacións e as accións”, apuntou o Comisionado de Plans Estratéxicos, José Manuel García Vázquez.
30/04/2008