En órbita e funcionando. O XaTcobeo saíu ao espazo á hora prevista, ás 12.10 hora española, e menos de dúas horas despois comezou a emitir o sinal que demostra que o picosatélite traballa perfectamente e está listo para iniciar o envío de datos e a recepción de ordes dende a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Os nervios e a expectación das horas previas deron paso ao xúbilo e á satisfacción por converter á Universidade de Vigo na primeira de Europa en pór en órbita un CubeSat 1U construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. É a guinda a máis de tres anos de intenso traballo dun grupo que xa se ten convertido case nunha familia, composta por 60 alumnos e alumnas e 32 investigadores. Por iso, Fernando Aguado dende Kourou, a 7,5 quilómetros da zona de lanzamento do foguete Vega, aseguraba sentirse “tranquilo e satisfeito”, unha vez que se recibiron na Florida e no Reino Unido os primeiros reportes do XaTcobeo, “un sono feito realidade".
13/02/2012