A predición das mareas vermellas, que eventualmente afectan ás rías, ocasionando importantes prexuízos económicos, está un pouco máis preto de ser unha realidade. Un modelo de simulación oceánica de alta resolución da circulación da auga na ría de Vigo, deseñado pola Área de Física da Terra do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, confírmase, segundo os seus promotores, “como un paso máis nesta dirección”, aínda que non sería a única, ao tratarse dunha ferramenta que tamén permitiría aos xestores dispor dunha información fundamental á hora de tomar decisións economicamente moi importantes, como a construción dun peirao, dunha depuradora e mesmo dunha central térmica. O modelo, deseñado pola Área de Física da Terra e validado con datos do Observatorio RAIA, insírese no marco do proxecto REIMAGE, no que participan as universidades de Vigo e Aveiro en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC).
15/05/2014