A lingua galega, como elemento central do discurso cultural do país, experimentou numerosos cambios ao longo dos últimos dous anos, un período de tempo no que o seu uso pasou a ter en certos contextos e en determinadas comunicacións institucionais de tipo publicitario un trato equivalente ao castelán. Unha positiva evolución que sen embargo contrasta, dende un punto de vista puramente académico, coas negativas consecuencias que para o valor da imaxe da Marca Galicia está a ter a rebaixa do uso do galego por parte da administración autonómica. No traballo publicado polo Consello da Cultura Galega Os novos horizontes da industria publicitaria, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Alberto Pena, analiza os efectos do uso das especificidades culturais do país no ámbito comercial, incidindo na idea de que calquera cultura que aposte por construír o seu propio discurso publicitario será máis competitiva no mercado internacional.
16/09/2013