A polémica creada a raíz da introdución no ensino da materia educación para a cidadanía centrou o relatorio que Gregorio Peces-Barba, catedrático de filosofía do dereito, ofreceu na Facultade de Dereito ao abeiro da Cátedra Carlos Casares. Ao longo da súa exposición, inserta nas Xornadas sobre Dereitos Humanos no século XXI, o Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo fixo unha defensa decidida desta disciplina que segundo as súas palabras “debería ter un maior peso lectivo, pois unha hora á semana resulta a todas luces insuficiente”.
A opción pola que hai que apostar pasa por relegar as clases de relixión católica ao ámbito privado para darlle así máis campo á aprendizaxe da historia e do contexto dos dereitos civís, sociais e políticos clásicos. “Resulta de capital importancia que as novas xeracións saiban de onde procede o sufraxio universal ou o dereito de asociación, por exemplo”, sinala Peces-Barba.
03/11/2010