“Hoxe é un día histórico para todos nós”. Así describía María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, a relevancia da visita que este martes realizou Ada Yonath, Premio Nobel de Química no ano 2009, a esta institución. Un sentimento compartido tamén polas autoridades da cidade e sobre todo polo máis de medio cento de investigadores, os 150 estudantes de Bacharelato e as case 450 persoas que se achegaron ao campus para compartir coñecementos e inquedanzas coa científica israelí. Ada Yonath deu toda unha lección de humildade intelectual, de tenacidade e de paixón por divertirse facendo ciencia, ciencia de excelencia. “En días como hoxe temos que dicir en alta voz que a igualdade no eido científico ten que ser o natural e se non o é é a nosa obriga visibilizar o papel das mulleres e das mulleres relevantes nel”, destacou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.
12/03/2013