Unha das cuestións que máis interese suscita na actualidade sobre o mercado laboral é o impacto do proceso de envellecemento da poboación. Anualmente a porcentaxe de persoas maiores sobre o total de habitantes aumenta, xerando unha maior taxa de dependencia. Este fenómeno non só se traduce no incremento do grupo de persoas de máis de 65 anos, na súa maioría inactivos, consecuencia directa de ter acadado a idade legal de xubilación, senón tamén no feito de que a poboación traballadora decide finalizar antes a súa vida activa, por medio das xubilacións anticipadas. A investigación Nuevos retos laborales ante el proceso de envejecimiento realizada polo profesor de Economía Aplicada, Alberto Vaquero, persegue afondar, precisamente, na perspectiva laboral da provincia de Ourense a partir do envellecemento demográfico, avaliando as súas implicacións económicas e sociais, de cara a pensar que actuacións públicas será preciso aplicar nos próximos anos para paliar os seus efectos.
12/05/2010