Os profesionais do marketing, a publicidade e a tradución terán unha nova ferramenta para enfrontarse ao seu traballo diario. Pioneiro no contexto galego, o Diccionario cuatrilingüe de marketing y publicidad é un proxecto do grupo de investigación FF1 Léxico e lexicografía especializada para facilitar a compresión de “vocábulos novos específicos do mundo dos medios de comunicación, de internet ou da publicidade, entre outros”, explicou a directora do proxecto, Terencia Silva.
A entrada principal do dicionario é en inglés, “porque esta é a lingua do marketing”, dixo Silva, e a tradución realízase a español, francés e alemán. En cifras, conta con 5278 entradas e 4873 usos destas entradas, “xa que un só vocábulo pode constituír diferentes usos ou construcións”, explicou Silva. Se engadimos as equivalencias destes termos nas outras tres linguas ou a explicación no caso de que non exista tradución “cun total de 40.600 verbas”, concluíu. O dicionario verá a luz nos vindeiros meses e só terá versión impresa.
20/03/2009