Tras anos de crecemento contínuo o orzamento da Universidade de Vigo reducirase no ano 2010 nun 3,4% acadando os 176 millóns de euros. Así o confirmou o reitor, Alberto Gago, no derradeiro Claustro do ano no que ademais de bosquexar as liñas xerais do orzamento do 2010, expuxo no seu informe anual os feitos máis sobranceiros dun ano que cualificou de “non moi favorable para o Sistema Universitario de Galicia” aínda que “non ten sido un mal ano para a Universidade de Vigo”.
Fronte a unha exposición na que o reitor confirmou que este curso se mantivo a estabilidade na matrícula con 22.500 alumnos con actas oficiais e no que afirmou que a Universidade lograra artellar “unha das redes de I+D máis moderna e potente da Comunidade Autónoma Galega”, o candidato a reitor por Nova Universidade, Jaime Cabeza e os representantes dos traballadores, encabezados polo presidente da Xunta de Persoal, Xoan Cebro, centraron as súas críticas nunha xestión inzada, apuntaron, de conflitos innecesarios e fracasada en materia xerencial.
09/12/2009