2229 estudantes, un 5,6% máis respecto ao mesmo período do curso anterior, inician hoxe nos tres campus unha nova etapa na recente historia da Universidade de Vigo. E é que estes máis de 2000 estudantes matriculados, ata o de agora no primeiro curso das titulacións con límite de prazas, son na súa maioría, os pioneiros en estudar os 23 novos graos adaptados ao EEES que desde hoxe se imparten nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. O novo estudantado foi recibido nos seus respectivos centros con actos de benvida nos que os seus responsables situaron a implantación dos graos como o principal reto que enfrontan nun curso no que o o cadro de profesorado nos tres campus está composto por 1579 docentes. No tocante ao persoal de administración e servizos, a cifra é de 745.
Pero non só este luns 21 de setembro é xornada de ingreso na aulas para o alumnado de primeiro curso, tamén é día de reencontro para o estudantado de resto de cursos, así como para os matriculados nalgún dos 65 mestrados que conforman unha oferta claramente renovada e reforzada respecto de anos anteriores.
21/09/2009