Os máis de 15 anos dedicados á investigación no grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, fixeron posible que o catedrático Luis Liz-Marzán, a pesar de nacer en Lugo, fose recoñecido como Pontevedrés 2010 polos seus avances no eido da nanotecnoloxía. O premio, outorgado por Novacaixagalicia e Diario de Pontevedra, “supón unha gran satisfacción porque provén dun mundo totalmente alleo ao da investigación, ademais de que se valora a transferencia e a xeración de coñecemento das universidades”, comentou Liz-Marzán, que recolleu o galardón este xoves no Liceo Casino de Pontevedra de man do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Ao acto tamén acudiron o presidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán ou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.
16/06/2011