DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A medida tómase ante a existencia de varios casos positivos de covid-19

O segundo curso do Grao de Traballo Social pasa á docencia en liña

Será do 16 ao 25 de novembro e afecta a arredor de 75 estudantes

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 13/11/2020

O segundo curso do Grao de Traballo Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, composto por arredor de 75 alumnos e alumnas, pasará desde o luns 16 de novembro e ata o mércores 25 á docencia en liña como medida preventiva ante a detección de varios casos positivos nas probas PCR mediante pooling por saliva que se están a facer na Universidade de Vigo entre o estudantado. Esta decisión, recollida nunha resolución reitoral publicada este venres, parte da proposta realizada polo Comité de asesoramento sobre a covid-19 nomeada polo Consello de Goberno e adóptase “baseándose nun principio de prudencia”.

Segundo explica Xosé Manuel Cid, decano da facultade, “parécenos a medida máis prudente” ante a existencia na aula de tres casos positivos e arredor de dez persoas consideradas contacto estreito con diferentes persoas afectadas por covid-19. Neste senso, subliña a aposta por, ante a existencia dun posible risco sanitario, “pasar a virtual aquela docencia que se pode desenvolver con total garantía docente”. Do 16 ao 25 de novembro a facultade manterá o seu funcionamento habitual, salvo que as alumnas e alumnos do curso afectado asistirán ás súas clases a través de Campus Remoto da UVigo no canto de facelo presencialmente.

Ademais deste curso de Traballo Social, o Comité de asesoramento sobre a covid-19 decidiu este venres tamén aplicar a mesma medida a un dos grupos de primeiro curso da Escola de Enxeñería Industrial do campus de Vigo, formado por arredor de 50 estudantes.