O campus acolleu unha mesa redonda con este obxectivo
Seis mulleres para visibilizar o talento feminino no sector aeroespacial
Organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a asociación Ellas Vuelan Alto
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e a delegación en Galicia da asociación Ellas Vuelan Alto organizaron este xoves pola tarde a mesa redonda Quen son as mulleres que fan voar Galicia? O seu obxectivo foi dar visibilidade ao papel da muller no sector aeronáutico e aeroespacial en Galicia, pór en valor o talento feminino na industria aeroespacial, fomentar o intercambio de ideas e xerar referentes que inspiren ás novas xeracións.
O evento estivo presentado por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da UVigo, e moderado por Silvia Vela, directora de Expansión da asociación Ellas Vuelan Alto. Contou coa participación de Margarita Ardao, directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia; Vanesa Argibay, responsable de Márketing e Estratexia en UARX Space; Eunate Bañales, analista programadora en Telespazio Ibérica; María de la Luz Gil, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e Lidia Gómez, xefa de Proxecto en Centum.
Ellas Vuelan Alto é unha asociación de profesionais fundada en 2018 por mulleres vinculadas ao sector da industria aeroespacial e o transporte aéreo co obxectivo de visibilizar o labor das mulleres no sector aeroespacial en España, así como fomentar a igualdade en todos os ámbitos. A súa misión é actuar en beneficio da visibilidade e consolidación da muller no sector aeroespacial en España, abarcando o ámbito político, universitario, empresarial e a administración, e tomando como base a visión de igualdade da Carta Magna das Nacións Unidas. Conta cun equipo de socias colaboradoras en distintos puntos de España, entre eles Galicia, que traballan nesa misión de visibilizar o talento feminino no sector aeroespacial.