DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recibiron este luns os distintivos que os acreditan como exemplos de bo facer

Seis novos centros convértense en referentes da igualdade na Universidade de Vigo

Por “investigar, ensinar, transferir e producir coñecemento con mirada de xénero e feminista"

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 11/07/2022

A Facultade de Filoloxía e Tradución foi a pioneira e agora outros seis centros da Universidade de Vigo súmanse á lista dos que poden lucir o Distintivo de Igualdade, unha insignia e un recoñecemento deseñado e impulsado para promover, visibilizar e recoñecer, pública e institucionalmente, o esforzo de moitas persoas que na nosa universidade loitan día a día por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento incorporando a mirada de xénero e feminista.

A posta en marcha o ano pasado desta distinción converteu á Universidade na primeira de España en contar cunha iniciativa coma esta, e este mesmo luns celebrouse o acto de entrega da segunda edición do Distintivo. Desta volta, no canto de escoller unha soa candidatura, como sucedera na convocatoria piloto, a Unidade de Igualdade mudou as bases para ampliar o recoñecemento a todos os centros que acreditasen unha puntuación determinada que depende do nivel actividades, iniciativas e prácticas que teñan como obxectivo impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Así, este luns recibiron os seus recoñecementos o CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, quedando clasificados por esta orde segundo a puntuación do xurado. 

Exemplos e referentes para toda a Universidade

No transcurso do acto, que tivo lugar no edificio Redeiras, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, salientou o “destacable esforzo que se está a realizar en centros, escolas e facultades en impulsar as políticas de igualdade". Todas as candidaturas presentaron exemplos de boas prácticas, non só centradas na sensibilización e divulgación, senón tamén en construír unha ciencia que incorpore a perspectiva de xénero na docencia e na investigación”. Neste sentido, Gómez destacou que esta convocatoria, que tivo unha moi elevada concorrencia de candidaturas, “é un bo termómetro da igualdade na Universidade” e desexou que todas as accións, actividades e iniciativas “que descubrimos grazas a este distintivo” se poidan converter en referentes e exemplos para o resto dos centros da UVigo.

O reitor, Manuel Reigosa, foi o encargado de entregar os distintivos, mentres que a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, presentou os méritos de cada un deles para ser merecedores da distinción.

CIM-Centro de Investigación Mariña

O centro que obtivo maior puntuación nesta convocatoria foi o Centro de Investigación Mariña, CIM, que pese a ter unha corta historia, explicaba Mónica Valderrama, “realizou unha clara aposta por incorporar a perspectiva de xénero no seu Plan Estratéxico, o que se está a traducir no impulso dunha organización interna máis igualitaria, no desenvolvemento de actividades participativas de autodiagnose para detectar e corrixir nesgos e desigualdades na súa organización, na aposta por liñas que incorporan o enfoque de xénero, no deseño e implementación de medidas de acción positiva na selección de novo persoal ou na aposta por dar prioridade as mulleres como IP ou primeira autora”. A encargada de recoller o distintivo foi a Ana Bernabeu, presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, que agradeceu ao reitor que teña impulsado “dende o principio este tipo de iniciativas e que convertese a igualdade nun obxectivo estratéxico da UVigo”. Tamén trasladou os agradecementos á dirección do CIM “por non mirar para outro lado e ter a decisión de impulsar” iniciativas no camiño da igualdade e aos membros da comisión, “que de xeito totalmente voluntario participan e propoñen ideas para que o CIM sexa cada vez un centro máis igualitario”.

Facultade de Educación e Traballo Social

A Facultade de Educación e Traballo Social foi o segundo centro clasificado. Como explicaba a vicerreitora de Comunicación, esta facultade “promove o principio de igualdade efectiva entre os homes e as mulleres en todos os ámbitos e actividades que se desenvolven no centro, pero a súa candidatura destacou pola sobresaínte e excelente tradición de docencia e investigación en xénero que desenvolveu ao longo dos anos. Figuras destacadas como a profesora Purificación Mayobre, a catedrática María Lameiras e moitas outras loitaron por crear escola e marcan diferencialmente a formación do alumnado ao ser o centro que oferta mais materias específicas de xénero na nosa Universidade”. O seu decano, Xosé Manuel Cid, lembrou na súa intervención a longa traxectoria do centro dende 1974, como colexio universitario, “pero incluso teríamos que ir máis atrás” cando palabras “que estaban prohibidas, que eran pecado, como educación sexual, dereitos da infancia ou coeducación” xa que se abordaban no que era, daquela, a Escola Normal”. Entre estas docentes pioneiras, Cid lembrou a Ernestina Otero ou Concepción Ramón Amat, “que tan mal o pasaron por defender a igualdade”, e ás que lle dedicou este distintivo. Tamén destacou a traxectoria doutras docentes, como Purificación Mayobre e Mercedes Suárez, que chegaron a Ourense moi novas dende Madrid en 1974 cando arrancaba a facultade e “que facían dúas cousas ilegais naquel momento: dar as clases en galego e falarnos de coeducación, educación sexual e educación na igualdade. Son 50 anos dunha educación que fomos herdando”. 

Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, apuntaba Valderrama “é un centro excepcional”, xa que aínda que pertence a un ámbito masculinizado como o é o espazo STEM, “levan anos facendo un esforzo considerable para realizar múltiples actividades orientadas á sensibilización e á formación con perspectiva de xénero do seu alumnado. O compromiso coa igualdade da dirección do centro e do seu persoal académico resulta moi destacable e mesmo ten un apartado visible e propio na web da escola”. Recolleron o galardón a directora, Elena Alonso e o enlace de Igualdade, Generosa Fernández, “en nome de toda e escola, do PAS, do PDI e do alumando e do equipo directivo” e cun especial recoñecemento á profesora Teresa Rivas “que ten o mérito de tirar da escola en temas de igualdade dende hai sete ou oito anos”. A directora, polo súa banda, agradeceu este recoñecemento “por canto supón poñer en valor e visibilizar o compromiso do centro coa construción de valores igualitarios” pero, sobre todo, porque é “un compromiso de futuro”.

Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo

A Facultade de CC Xurídicas e do Traballo destaca polas “múltiples actividades de docencia e sensibilización en materia de xénero e sensibilización de valores igualitarios que se desenvolven no centro. Tamén se puxo en valor a existencia de “fortes e estables liñas de investigación neste eido” así como PDI especializado en xénero de referencia no seu ámbito, como o catedrático Jaime Cabeza ou a profesora Marta Fernández”. Esta facultade está a formar o alumnado en perspectiva de xénero “dun xeito eficaz e destacable”, revertendo e corrixindo a chamada «xustiza patriarcal tan daniña para a nosa democracia». Xunto co decano, Francisco Torres, recolleu o galardón Marta García Mosquera, coordinadora de igualdade do centro, que salientou que a maior satisfacción é que esta distinción “é resultado dun esforzo colectivo nun eido onde normalmente traballamos de xeito moi individual”. Tamén lembrou que “se dende o eido xurídico temos moito que dicir, é urxente que o digamos” nuns momentos nos que non só na sociedade, senón tamén dende “o propio ámbito académico, está habendo posturas claramente negacionistas e invisibilizadoras da violencia de xénero que temos que combater coa racionalidade e co noso traballo”. 

Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas

O Cinbio, salientaba a vicerreitora, “amosa o seu posicionamento claro e firme coa igualdade de xénero ao rescatar a unha figura excepcional como a doutora Olimpia Valencia para nomear a súa sede no campus de Vigo”. Ademais, lembrou que este centro foi o primeiro en demandar unha sala de lactación na UVigo e está a avanzar na investigación e transferencia no eido da saúde e o xénero e desenvolveu outras accións destacadas coma unha diagnose de necesidades de conciliación do seu persoal. Un centro que, no seu traballo baixo criterios de excelencia, “de seguro vai seguir avanzando pola igualdade”. Diana Valverde, subdirectora do centro, foi quen recolleu o diploma e agradeceu a todas as persoas que traballan no Cinbio “porque grazas ao seu esforzo conseguimos este distintivo”.

Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

A Facultade de CC Económicas e Empresariais é, en palabras da vicerreitora, “un referente nos estudos de xénero e economía a nivel europeo”, liderados pola catedrática Coral del Río. Este importante e recoñecido labor investigador “serve de impulso para o desenvolvemento das políticas de igualdade no centro, que conta con materias específicas de xénero, ademais de numerosas liñas de investigación e actividades de sensibilización e formación. Ademais esta pegada chega á docencia e continúa con TFG e TFM e con actividades de divulgación e participación activa en institucións e organizacións que promoven a perspectiva de xénero”. O seu decano, Miguel Ángel Crespo, agradeceu este recoñecemento “polo traballo de toda a facultade e é unha honra recollelo” en nome de todos e todas.