DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son o CIM-Centro de Investigación Mariña e o Cinbio

Seis novos centros lucirán o Distintivo de Igualdade da Universidade

E Educación e Traballo Social, CCXX e do Traballo, Económicas e Empresariais e EE Minas e Enerxía

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/04/2022


Seis novos centros da UVigo poden lucir xa o seu Distintivo de Igualdade, sumándose así á Facultade de Filoloxía e Tradución, que obtivo este recoñecemento na primeira edición da convocatoria, en 2021. Así se recolle na resolución reitoral que dá a coñecer as novas escolas, facultades e centros de investigación seleccionados na convocatoria de 2022 dunha iniciativa única en España. 

Desta volta, no canto de escoller unha soa candidatura, como sucedera na convocatoria piloto, a Unidade de Igualdade mudou as bases para ampliar o recoñecemento a todos os centros que acreditasen un determinado nivel actividades, iniciativas e prácticas que teñan como obxectivo impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Así, recibirán o Distintivo de Igualdade 2022 da Universidade de Vigo o CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, quedando clasificados por esta orde segundo a puntuación do xurado.

Os centros recibirán este distintivo, que consiste nunha insignia e unha achega económica de 3000€ para desenvolver políticas de promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, nun acto institucional que terá lugar despois das eleccións á Reitoría da UVigo, previsto para o 4 de maio. 

Balance “moi grato” da segunda convocatoria

Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, destaca que esta iniciativa posta en marcha o curso pasado é única en España e pretende “recoñecer a aqueles centros que destaquen polo seu labor a prol da igualdade de xénero” a través dun proceso no que un xurado avalía as actividades e medidas postas en marcha para inserir a igualdade como unha meta transversal tanto no eido académico como no investigador e na relación diaria da comunidade universitaria. O balance final desta convocatoria, recoñece, “é moi grato” e as oito candidaturas presentadas, tanto as seleccionadas como as dúas que quedaron fóra, “amosan fortalezas impresionantes no ámbito das políticas de igualdade e da sensibilización”. Ademais, Gómez recalca que o esforzo que os centros realizan para preparar a súa candidatura resulta ser “unha especie de autodiagnose, un exercicio interesantísimo” que serve para coñecer as súas iniciativas e propostas, poñelas en valor e tamén pensar na posibilidade de implementar esas medidas noutros centros ou na institución no seu conxunto. 

Para iso, xa na primeira edición a Unidade de Igualdade publicou unha guía de boas prácticas na que se recollían as propostas e medidas implementadas polos centros que se presentaron, e desta volta, ampliarase ese documento coas novas iniciativas das novas candidaturas, para que “sirvan como un referente inspirador”. 

Por todo isto, a responsable da Unidade e Igualdade subliña que a convocatoria do Distintivo de Igualdade é tanto “un recoñecemento de todo ese esforzo, que en moitos centros está en mans de dúas ou tres persoas, sobre todo de mulleres”, como “un estímulo para o resto dos centros nun contexto marcado polo Horizonte Europa, onde apostar pola igualdade pode supoñer captar máis fondos, ter máis prestixio e máis excelencia”. Ademais, avanzou que tanto o Ministerio como a Unión Europea están a traballar na posta en marcha de selos similares ao da UVigo, “aos que podemos achegar a nosa experiencia piloto, o noso ensaio, para que coñezan as variables que empregamos, como valoralas, etc.  

Como acadar o Distintivo de Igualdade

O Distintivo de Igualdade ten unha vixencia de 6 anos e outórgase a todos os centros que superan o límite de 80 puntos atendendo a criterios como a inclusión da perspectiva de xénero nos plans de estudo das titulacións e as liñas de investigación e de transferencia que incorporen a perspectiva de xénero; o número de persoas expertas e/ou implicadas na promoción da igualdade de xénero que forman parte da facultade, escola ou centro propio da Universidade de Vigo; a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero;  o grao de composición paritaria dos órganos de goberno electos e de libre designación da facultade, escola ou centro; o uso de linguaxe inclusiva e non sexista nos documentos e na comunicación interna; os programas e políticas de captación de novo alumnado con perspectiva de xénero; as medidas promovidas para facilitar a conciliación e promover a corresponsabilidade entre o PDI, o PAS e o alumnado do centro ou calquera outra actividade ou acción innovadoras desenvolvidas para a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, especialmente aquelas realizadas en coordinación co alumnado e/ou novo persoal investigador do centro.

Novidades respecto da primeira edición

Como explica Águeda Gómez, se ben na primeira edición se outorgou o distintivo ao centro que acadou mellor cualificación, nesta convocatoria ampliouse a todos os que superasen unha puntuación e tamén se incluíron cambios como a inclusión no xurado de representantes de todos os eidos do coñecemento ou novas variables a ter en conta, entre elas a aplicación do III Plan de Igualdade de Universidade no desenvolvemento das actividades do centro e as políticas de promoción da conciliación propias. 

Ademais, engade a responsable da Unidade de Igualdade, tamén se matizaron certas variables que na convocatoria piloto penalizaban as titulacións STEM. Por exemplo, valorábase como un dos puntos máis importantes que os plans de estudo incluísen contidos de xénero ou materias específicas de xénero, “algo que resultaba moi complicado de executar en titulacións científicas e tecnolóxicas”, polo que tamén se decidiu incluír neste punto as actividades complementarias e de sensibilización, “máis informais e que non teñen que estar no plan de estudos”. Algo similar sucede co criterio do número de expertos e expertas en temática de xénero, que ampliou tamén a persoas promotoras de políticas e accións de igualdade.