DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As temáticas abranguen desde os nanoagroquímicos ata a transformación dixital

Seis proxectos de investigación interdisciplinar acadan as axudas Inou 2022

A convocatoria está financiada con 47.000 euros pola Deputación de Ourense

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 19/05/2022

O uso de nanoagroquímicos; o aproveitamento de micro e nanoplásticos; a sostibilidade e transformación dixital; a intelixencia artificial en resolución de conflitos ambientais; o uso de tecnoloxías de posicionamento no eido deportivo e educativo e o sector oleícola ourensán. Estas son, a grandes liñas, as temáticas dos seis proxectos de investigación interdisciplinares que este ano financiará a convocatoria de Axudas a Grupos de Investigación do Campus de Ourense Inou 2022.

Dotada en total con 47.000 euros, esta iniciativa da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense está destinada a apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do Campus de Ourense-Campus da Auga. Ao mesmo tempo quere impulsar a interacción entre grupos de investigación deste campus dos diferentes ámbitos de coñecemento e apoiar a posta en marcha de proxectos do persoal investigador a tempo completo máis novo da institución académica.

Ciencia e aproveitamento económico

Un dos proxectos beneficiarios da convocatoria agora resolta céntrase nas implicacións ambientais, agrícolas e económicas do uso de nanoagroquímicos. Dúas son as liñas nas que se traballará de xeito coordinado nesta investigación. A primeira, dirixida polo investigador da Facultade de Ciencias Daniel Arenas, centrarase nas implicacións ambientais e agrícolas do uso de nanoagroquímicos de urea-hidroxiapatita e sulfato de potasio cara unha produción alimentaria sostible de Solanum tuberosum L. A segunda, liderada pola profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Mónica Villanueva, abordará as implicacións económicas e o grao de circularidade do uso destes produtos.

Outra das investigacións Inou 2022 sitúase no eido da caracterización e aproveitamento económico dos micro e nanoplásticos de mostras recollidas nos recursos hídricos da provincia de Ourense. Nela, Antonio Cid Samamed, investigador da Facultade de Ciencias, abordará a caracterización destes recursos mediante tecnoloxías facilitadoras esenciais. Pola súa banda, o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Jesús Vázquez levará a cabo un estudo de produción de plásticos na provincia de Ourense e do impacto económico das posibles actuacións e potencial monetización da substitución de plásticos por proteínas de orixe vexetal.

As tamén investigadoras da Facultade de Ciencias Sandra Rivas e Patricia Reboredo realizarán á súa vez un proxecto de dinamización do sector oleícolo na provincia de Ourense, concretamente de aproveitamento das podas da oliveira procedentes de variedades autóctonas galegas e valorización para a obtención de compostos de valor engadido. A primeira encargarase do desenvolvemento de procesos para o aproveitamento e valorización de podas da oliveira dentro dun contexto de biorrefinería multiproduto e a segunda da recuperación e avaliación de compostos bioactivos presentes nas podas deste oliveiras autóctonas.

Outras áreas de interese

Co título Sustentabilidade das empresas ourensás e transformación dixital: chaves do éxito preséntase outro proxecto liderado por María Beatriz González, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Miguel Ramón Díaz, da Escola Superior de Enxeñaría Informática. A primeira levará a cabo unha análise das características que impactan positivamente no éxito da transformación dixital, con especial referencia ás grandes empresas ourensás. O segundo abordará a integración das tecnoloxías de operación OT na transformación dixital e as características que impactan no sector produtivo desta provincia.

A aplicación das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial á resolución de conflitos en materia medio ambiental centra o interese de outro dos estudos aprobados. Nel, a catedrática Inés Iglesias Canle, da Facultade de Dereito, abordará os métodos ADR e ODR na resolución de conflitos medio ambientais, con especial referencia aos recursos hídricos. Pola súa banda, María Victoria Fernández, da Facultade de Educación e Traballo Social, encargarase da aplicación de tecnoloxías de aprendizaxe automático e procesamento de linguaxe natural á resolución destes conflitos.

Por último, a convocatoria Inou 2022 financiará un proxecto de avaliación da viabilidade do estudo das habilidades expresivas, con aplicación ao rendemento educativo e deportivo, mediante a localización en interiores de deportistas por medio de tecnoloxías de posicionamento con UAV. Nel, o investigador Guillermo Rey, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, centrarase na avaliación da viabilidade de empregar UAV para determinar o posicionamento de ximnastas en competicións e educación deportiva e Pino Díaz, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social, abordará os recursos tecnolóxicos para a avaliación de habilidades expresivas e a súa aplicación ao ámbito educativo e deportivo.