DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano da FFT participará no Premio Nacional de Poesía

Seleccionan a José Montero e Gonzalo Navaza como membros do xurado dos Premios Nacionais de Cultura

Navaza formará parte do comité seleccionador dos galardóns ás mellores traducións

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/06/2023

Os profesores da Universidade de Vigo José Montero e Gonzalo Navaza formarán parte do xurado dos Premios Nacionais de Cultura 2023, galardóns ao máis alto nivel das letras españolas. Así se publicou esta semana no Boletín Oficial do Estado -29 de maio-, onde se detalla a relación dos premios nacionais que concede o Ministerio de Cultura e Deporte, entre os que se atopan o Premio Nacional de Poesía, en cuxo xurado participará o profesor José Montero, e os Premios Nacionais á Mellor Tradución  e á Obra dun Tradutor, dos que formará parte Navaza.

José Montero, no Premio Nacional de Poesía

Catedrático do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura e decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero participará no xurado a proposta da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, como especialista en poesía española dos séculos XVI e XVII. “Lector voraz de poesía desde sempre, o traballo como xurado será para min un verdadeiro pracer”, admite o docente, quen conta cunha longa traxectoria como xurado de distintos galardóns, entre outros, o Premio Cervantes 2021.

Ao seu parecer estas mencións teñen unha dobre vertente: por unha banda, “persoalmente non deixa de ser un recoñecemento importante a moitos anos de traballo no eido da literatura española, tanto da miña universidade como das universidades españolas que me escolleron”; pola outra, son tamén “un novo éxito da miña facultade, que amosa así as súas non poucas fortalezas” e, en xeral, “da propia Universidade de Vigo, que vai amosando, pasiño a pasiño, que non só é unha universidade de tecnoloxía e ciencias varias, senón tamén unha universidade de humanidades con excelente profesorado”.

Gonzalo Navaza, nos Premios Nacionais de Tradución

Docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina e membro de número da Real Academia Galega, Gonzalo Navaza participará como xurado do Premio Nacional á Mellor Tradución e no Premio Nacional á Obra dun Tradutor, a proposta da Real Academia Galega. Para el non será unha experiencia nova, pois leva participado nestes premios en diferentes ocasións, a última o pasado ano. “Desde que me fixeron académico correspondente, no 2012, participei en distintas ocasións como representante da academia, tanto no Premio á Mellor Tradución como no Premio de Poesía Joven Miguel Hernández”, salienta o docente, quen explica que, no caso do premio de tradución, a persoa que representa cada unha das academias -catalá, galega e vasca- leva as súas propias propostas, “no meu caso sempre traducións ao galego”.

Entre as persoas galardoadas nos últimos anos co Premio Nacional á Mellor Tradución destaca a tamén profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Helena Cortés, galardoada no ano 2021 pola tradución ao español do orixinal en alemán da obra El Diván de Oriente y Occidente (West-östlicher Divan) de Johann Wolfgang von Goethe, galardón que recolleu da man das súas maxestades os reis nunha ceremonia celebrada o pasado mes de febreiro en Zaragoza.