DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita terá lugar no campus de Ourense o día 30 de marzo

Un seminario afondará na evolución do concepto de pobreza na historia moderna e contemporánea

Coa participación dos profesores Julio Prada e Ofelia Rey

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 23/03/2023

O xoves 30 de marzo a Facultade de Historia do campus de Ourense acollerá a celebración do V Seminario permanente: conceptos con historia. Pobreza, organizado polas áreas de Historia Moderna e Historia Contemporánea da Universidade de Vigo. Nel abordarase de xeito transversal a evolución do que se consideraba pobreza nestes períodos históricos, deténdose en momentos e profesións concretas que servirán para ilustrar esta evolución. 

A actividade, que terá lugar de 16.00 a 20.00 horas, celebrarase na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, estando aberta á asistencia das persoas interesadas. Este seminario anual, explican desde a súa organización, ten como obxecto ofertar, principalmente ao alumnado do Grao en Xeografía e Historia que se imparte na Facultade de Historia, “a posibilidade de profundar en conceptos de relevo para a elaboración do coñecemento histórico dende unha perspectiva transversal (son analizados para as épocas moderna e contemporánea) e interdisciplinar (coa participación de especialistas procedentes de distintas áreas das Humanidades e das Ciencias Sociais).

Dúas visións

Na súa quinta edición, abórdase o concepto de pobreza de man de Ofelia Rey, historiadora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e de Julio Prada, tamén historiador, profesor da Universidade de Vigo e decano da Facultade de Historia ourensá. A primeira abordará o concepto elixido no antigo réxime, tomando como referencia fundamental Galicia, e o segundo centrarase na súa evolución no século XIX e XX, ata o franquismo.

Destacando o carácter transversal deste seminario, Julio Prada subliña que o concepto de pobreza, en abstracto, “non é exactamente igual en todos os réximes históricos”, pois, lembra, “non é o mesmo ser pobre no século XIX que hoxe en día”. Conceptos como este, apunta o profesor, “van mudando o seu significado ao longo do tempo pero tamén dan cabida a realidades moi diferentes”. Dada esta complexidade, o historiador indica que un modo de afrontar este concepto, ademais de analizar como o seu significado vai cambiando ao longo do tempo, é centrando a atención, como se fai neste seminario, nunha serie de profesións ou situacións concretas que van vinculadas á pobreza.

Así, na súa intervención, Julio Prada centrarase no caso da pobreza en relación á prostitución tendo en conta que “non todas as prostitutas eran pobres pero si que a pobreza era un dos viveiros da prostitución”. “Empezarei facendo unha referencia ao seu tratamento histórico desde a etapa medieval ata o primeiro cuarto do século XVII, cando era algo que estaba completamente normalizado, que non estaba prohibido nin moito menos”, indica o historiador. Seguirá explicando como “a partir do reinado de Felipe IV empézanse a pór as primeiras trabas ata dar orixe á época que se chama do regulamentismo, que se estende desde 1625 ata a Segunda República española. É unha época onde se sacan diferentes regulamentos para poder exercer a prostitución, para ter controladas ás prostitutas”, apunta, explicando que este control primeiro estaba máis vinculado a cuestións de orde pública e posteriormente a medidas hixienistas pola problemática da transmisión de enfermidades venéreas en cidades. A segunda etapa que analizará o historiador será como na Segunda República, a partir de 1933, a prostitución é formalmente abolida e as implicacións dese cambio.