DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con inscrición gratuíta, trátase dun curso virtual orientado a un público non especializado

Un seminario busca dotar á cidadanía de ferramentas fronte á desinformación

Arranca o vindeiro martes cun relatorio do catedrático Ramón Salaverría

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
DUVI Pontevedra 17/09/2021

Afondar na magnitude e repercusións do fenómeno da desinformación e a difusión de noticias falsas e boatos a través das redes sociais ou das aplicacións de mensaxería, así como dar a coñecer algunhas das principais ferramentas existentes para facer fronte a este problema global. Eses son dous dos propósitos do Seminario de Alfabetización contra a Desinformación, unha actividade formativa impulsada polo grupo de innovación docente Dixitais e aberta a toda a cidadanía. Tres conferencias, de investigadores expertos na materia e unha serie de materiais divulgativos adicionais conforman os contidos deste seminario virtual, con matrícula gratuíta e inserido nas actividades de formación permanente do profesorado da Escola Aberta de Formación Permanente da Universidade de Vigo.

“O obxectivo do seminario é mellorar a competencia dixital e mediática da cidadanía como estratexia de loita contra a desinformación”, salienta o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Dafonte, coordinador xunto co investigador Javier Abuín dun seminario orientado, explica, “a un público non especializado que queira comprender mellor o problema, as súas repercusións e as ferramentas ao seu alcance para combatelo na súa vida cotiá”. Impulsado polo grupo de innovación docente Dixitais, do que Dafonte e Abuín forman parte, este seminario insírese á súa vez nas actividades divulgativas do proxecto Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos, que desenvolve o grupo de investigación Sepcom. Seleccionado na convocatoria de  proxectos de I+D+i Retos Investigación, do Ministerio de Ciencia e Innovación, o proxecto que lideran Dafonte e a investigadora principal do grupo Sepcom, Mabel Míguez, ten de feito entre os seus obxectivos o impulso de iniciativas que contribúan a esa “alfabetización dixital” da cidadanía, como unha “maneira de previr”, sinala Dafonte, os efectos da difusión de boatos e noticias falsas.

“A idea era que fose algo introdutorio”, que puidese axudar tanto a docentes como a calquera persoa interesada, explica Dafonte, a “comprender o fenómeno da desinformación, os seus efectos na sociedade e os seus mecanismos de propagación”. Nese senso, o primeiro obxectivo do seminario, con inscrición gratuíta a través da plataforma Bubela, é contribuír a que as e os participantes sexan “conscientes do que supón este problema” e os seus efectos, para que a partir de aí poidan explorar algúns dos mecanismos e ferramentas para facerlles fronte, como espazos nos que comprobar se determinadas informacións foron xa desmentidas por fact-checkers, iniciativas centradas na verificación de datos.

Aprendendo “a detectar a mentira”

Esta actividade formativa de dez horas, aberta a un máximo de 100 participantes, arranca o vindeiro martes 21, ás 17.30, coa conferencia que impartirá a través de Campus Remoto Ramón Salaverría, catedrático de Xornalismo na Universidad de Navarra. Primeiro director de Digitalunav-Center for Internet Studies and Digital Life e ex-presidente da Sección de Estudos de Xornalismo da European Communication Research & Education Association, Salaverría impartirá un relatorio titulado Aprendiendo a detectar la mentira: alfabetización mediática frente a la desinformación

Á semana seguinte, o martes 28, o doutorando na Michigan State University e profesor da Pontificia Universidad Católica de Chile Enrique Nuñez Mussa ofrecerá unha conferencia titulada La experiencia de Factchecking.cl: formar bomberos contra la desinformación dentro del aula universitaria, centrada nun proxecto de verificación do discurso público impulsado na Facultade de Comunicacións da universidade chilena. Por último, o martes 5 de outubro a profesora da Universitat Autónoma de Barcelona Amparo Huertas, especializada no estudo de audiencias e públicos, pechará este seminario co relatorio El papel activo de los públicos en la lucha contra la desinformación: alcances y límites del contrarrelato

Por outra banda, as conferencias veranse complementadas pola posta a disposición do alumnado dunha serie de “materiais adicionais” a través da plataforma Moovi, onde poderán consultarse tanto as presentacións dos conferenciantes como outra serie de textos de carácter divulgativo destes expertos, que Dafonte e Abuín seleccionaron xunto cos relatores.