DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 170 persoas inscritas, desenvólvese este mércores na Escola de Enxeñería Industrial

O Seminario de Loxística bate récord de participación e consolídase como encontro profesional de referencia para o sector

Organizado polo Grupo de Ingeniería de Organización, o encontro acadou este ano a 29 edición

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 24/05/2023

Arrancaron no 1988 cando un grupo de especialistas en loxística decidiron  mudar as súas habituais xuntanzas de traballo por un punto de encontro anual. “E aquí estamos na 29 edición do Seminario de Loxística, batendo récord de participación con 170 persoas inscritas”. Así abriu este mércores o catedrático do Departamento de Organización de Empresas e Marketing Carlos Prado a nova edición desta xuntanza profesional, “tremendamente orgulloso” porque as xornadas sigan medrando ano tras ano, “o que reforza toda a importancia que ten a rede de subministro a nivel internacional”, e consolidándose como punto de encontro para todos os profesionais relacionados coa cadea/rede de subministro.

Con sede na Escola de Enxeñería Industrial, a apertura do seminario contou coa participación do director do centro, Juan E. Pardo, quen deu grazas expresas ao Grupo de Ingeniería de Organización, GIO, pola organización dun encontro que dá a posibilidade de escoitar de primeira man exemplos de casos de éxito e comentar cos seus impulsores/as os detalles de como se levaron a cabo. “Aínda que levamos 29 edicións, cada ano expóñense proxectos que non deixan de sorprendernos”, subliñou Pardo, quen fixo fincapé no privilexio que supón para a escola ser sede desta xuntanza. “A importancia da loxística é algo que xa non se cuestiona, todo o contrario,  é algo básico para o adecuado funcionamento non só dos servizos e do sector industrial, senón de calquera actividade”, recalcou o responsable da escola, quen tamén puxo en valor a capacidade que ten a loxística, “non para adaptarse, que iso é algo que hai que facer, senón para aproveitarse das oportunidades que se presentan na irrupción das novas tecnoloxías, que ademais van a unha velocidade vertixinosa”. Neste senso, sinalou que a recente implantación no centro do novo Grao de Enxeñaría Biomédica, lles deu a oportunidade de comprobar a importancia que ten a loxística nun sector tan relevante para a sociedade como é o sanitario. 

Cologistics, 1ª estrutura de colaboración loxística da Eurorrexión

Tras a apertura, o primeiro dos relatorios correu a cargo de Laureano Otero Barrio, director de Operacións de Oozie Tech Logistics que falou sobre o deseño e desenvolvemento do proxecto europeo Cologistics, posto en marcha dentro da convocatoria do programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España–Portugal, Poctep, e que permitiu crear a primeira estrutura de colaboración loxística da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal. Promovido pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP; o Instituto Galego de Promoción Económica, Igape; a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta; a Autoridade Portuaria de Vigo; o Clúster da Función Loxística de Galicia e outros socios do norte de Portugal, o seu obxectivo foi impulsar a actividade das empresas dos ámbitos da loxística e do transporte do territorio Galicia-Norte de Portugal.

Loxística sostible, fábricas intelixentes e dixitais...

Tras esta primeira intervención, o programa continuou cun relatorio sobre retos e oportunidades da denominada loxística sostible, para o que se contou coa participación de Bárbara Ferrer, responsable de Leen&Green en AECOC, unha das maiores asociacións empresariais a nivel nacional -32.000 empresas asociadas- e a única que reúne a todos os axentes da cadea de valor, desde produtores e fabricantes, a operadores loxísticos e distribuidores.

O programa completouse cunha charla sobre a optimización dos centros de distribución, centrándose no caso concreto da firma Adolfo Domínguez e co relatorio A fábrica intelixente e dixital, que correu a cargo de Sebastián Prieto, director de planta do Grupo Sonae Arauco, un dos principais produtores mundiais de solucións de madeira.