DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe comezaron as II Xornadas AER-UVigo cunha mesa redonda sobre robótica industrial 

Seríamos quen de enfrontar a pandemia sen robótica, automatización e loxística?

As sesións, nas que participan máis de 200 persoas, continuarán os días 19 e 26 de maio 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 12/05/2021

Reindustrialización, relocalización e automatización da industria ou integración das persoas no  proceso de crecemento da automatización nos países industrializados. Estas son só algunhas das necesidades que a pandemia que afecta ao mundo desde hai máis dun ano está a revelar ás persoas expertas que desenvolven a súa actividade nos sectores da automatización e da robótica e que hoxe participaron na sesión inaugural e na primeira mesa redonda das II Xornadas AER-UVigo sobre robótica industrial. Organizadas pola Asociación Española de Robótica e Automatización e a Universidade de Vigo, as xornadas, que se desenvolven en formato totalmente virtual, comezaron este mércores, coa participación de máis de 200 persoas, cunha sesión centrada na robótica industrial, na que tomaron parte Joel Hurley (Co-Founder & CEO, Cretec), David Trabal (General Manager Iberia, Fanuc), Sergio Bilbao (Director Comercial, Ingenersun), Fernando Fandiño (Head of Regional Office & Sales Director SE&MEA, MiR), Josep M. Serra (Robotics Division Manager España, Stäubli) e Laurent Bodin (Managing Director Iberia, Yaskawa), moderados polo responsable do Depatamento de Procesos e Fábrica do Futuro de CTAG, Víctor Alonso.

Na inauguración, previa ao inicio da mesa redonda, o presidente da Asociación AER Automation, Salvador Giró; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa e o director da Escola de Enxeñaría Industrial Juan Pardo coincidiron en sinalar o papel central da automatización nun mundo afectado por unha pandemia, ao tempo que incidiron nos que consideran algúns dos seus principais retos, en especial o referido á integración das persoas neste proceso. Salvador Giró comezou a súa intervención constatando o impulso acadado pola dixitalización no último ano de pandemia,” no que se avanzou máis que no último lustro” en cuestións como o teletraballo ou a celebración de reunións virtuais. Un progreso, que non obstante, o presidente da Asociación AER Automation dixo que evidenciou problemas, como o desabastecemento de produtos básicos, como as máscaras, “o que fai ver a necesidade de reindustrializar, relocalizar e automatizar a industria”. Logo de apuntar a esixencia de incrementar o PIB de España, e asegurar que “o monocultivo do turismo e da construción non funciona, e cómpre reequilibrar a economía”, Giró reivindicou o papel da automatización como un elemento fundamental para o crecemento, “pero que non funciona sen as persoas”, advertiu. O presidente da Asociación AER Automation tamén aludiu na súa intervención aos tres piares que considera fundamentais nese proceso, como son a reciclaxe en novas tecnoloxías dos e das traballadoras; a promoción das carreiras STEM e a formación do alumnado de Primaria e Secundaria en tecnoloxía e robótica. “Eses nenos que agora teñen 8 ou 10 anos serán os que na próxima década integrarán unha sociedade na que a tecnoloxía terá un papel fundamental na industria”, dixo Giró, que rematou reiterando a necesidade da automatización na industria para asegurar que esta sexa competitiva a nivel global. 

Tecnoloxía que permitiu resistir e avanzar na pandemia 

Nas súas respectivas intervencións, o alcalde de Vigo e o reitor da UVigo, aludiron ás transformacións sociais asociadas á evolución tecnolóxica que se está a producir nas últimas décadas, de xeito que, “logo da revolución industrial, este é o segundo gran salto en calidade de vida da humanidade, se o facemos ben”, dixo Caballero, mentres que Reigosa, referiuse á excepcionalidade dos tempos que estamos a vivir, “nos que a pandemia evidenciou a necesidade de reindustrialización en España”. Ademais de asegurar que se a través dos fondos Next Generation “somos quen de reindustrializarnos, sentaremos as bases dun país moito mellor”, o reitor tamén reivindicou a necesidade de atraer máis talento feminino para os ámbitos STEM, “que non poden renunciar á metade da sociedade”.

Pola súa banda, o director da Escola de Enxeñaría Industrial, logo de asegurar que a robótica e a automatización cambiaran o modelo de produción e de sociedade, animou a achegarse á robótica “cunha mirada de ilusión e progreso e non con desconfianza”, ademais de reivindicar o protagonismo das persoas nesta contorna. Para Pardo, a tecnoloxía fixo posible resistir e avanzar como sociedade en tempos de pandemia, aínda que tamén recoñeceu a vertixe que produce a velocidade coa que se producen os cambios e adaptacións. “Seríamos quen de enfrontar a pandemia sen robótica, automatización e loxística?” preguntou o director da EEI, que finalizou a súa intervención sinalando o que considera o gran desafío ao que se enfronta a sociedade actual: integrar ás persoas no crecemento dos procesos de automatización que se rexistran nos países industrializados. “Cómpre poñer a automatización e a robótica ao servizo do individuo”, demandou Pardo.

Robótica de servizo e automatización industrial para as seguintes sesións 

Logo da primeira sesión celebrada este mércores, as II Xornadas AER-UVigo continuarán os días 19 e 26 de maio con mesas redondas centradas na robótica de servizo e a automatización industrial, respectivamente. O vindeiro mércores participarán na mesa redonda Mar Masulli (CEO & CoFounder, Bitmetrics), Enrique Lillo (Automatización, BR5), Rob Keij (Director Comercial, Kivnon), Francesco Ferro (CEO, PAL Robotics), Jan Puig (Sales & Marketing Director, PILZ) e Roberto Guzmán (CEO, Robotnik Automation), moderados por Félix Vidal (Head of Smart Systems and Smart Manufacturing, Aimen).

Na derradeira sesión, centrada na automatización industrial, a mesa redonda contará coa participación de David Torres (General Manager, Bcnvision), Xavier Segura (General Manager Spain/Portugal, Festo),Ángel C. Lázaro (Business Partner Industria, GMV), Daniel Escorza (General Manager Spain, Infranor), Eduardo García-Jurado (Director Comercial, Murrelektronik) e Lluís Martínez (Managing Director, SICK), moderados por Antía Fernández (Codirectora del área de Sistemas Inteligentes, Gradiant).